FESTAS

A Festa dos Maiores e o concerto de Antonio Carmona protagonizan o sábado da Ascensión

26/05/2017 Continúan as festas máis picheleiras cunha chea de actividades para o sábado da Ascensión. Deporte, música, danza e teatro son algunhas das accións previstas para este día de festa na cidade.

O comezo darao a tradicional Festa dos Maiores, que este ano cumpre vinte edicións. O recinto feiral de Amio acolle esta tradicional actividade, que dará comezo ás 14:00 horas cun xantar e coa actuación musical de Salsaserena para amenizar aos presentes. Acudirán o alcalde, Martiño Noriega, e varios concelleiros e concelleiras da Corporación.

Deporte
Este sábado vén marcado tamén pola citas deportivas. De 10:00 a 15:00 horas, o Monte Pedroso é o escenario da V Proba da Liga Galega de O-Pé – carreiras de orientación – que organiza a USC coa Federación Galega de Orientación, a Deputación e o Concello.

Tamén dende as 10:00 e ata as 20:30 horas terá lugar o Campionato Galaico-Portugués Sub-17 masculino de hóckey a patíns. Participarán a Selección Galega e as seleccións das cidades portuguesas de Porto, Aveiro e Minho, que se enfrontarán no pavillón de Vite.

Ás 17:00 horas, a atención centrarase na Alameda coa celebración do LXI Torneo de Chave "Festas da Ascensión". Media hora máis tarde, o casco histórico de Compostela encherase de guerreiros imperiais co desfile Imperial Stormtroopers, que reunirá a miles de persoas nas rúas da cidade e cuxo traxecto finalizará na praza do Obradoiro arredor das 19:00 horas.

Música na rúa
A Banda Municipal de Lalín, a partir das 12:00 horas, ou as Corais na Rúa amenizarán a mañá e a tarde do sábado. Ás 17:00 horas, a rúa do Vilar acolle a interpretación de Amigos de Compostela e Asubío. Media hora despois, na Igrexa de Salomé é a vez de Pontemantible e La Salle. Ás 18:00 horas, A Xuntanza, Amigos do Castiñeiriño e A Ruliña na praza de Cervantes e, ás 18:30 horas, a atención trasládase á praza da Quintana, con Xúbilo, Coto da Nai e Santa Susana. Finalmente, na praza das Praterías, haberá unha actuación conxunta de Cantorum Compostellana Coniunctio.

Ademais da sesión de teatro a cargo de Mabel Rivera e Belén Constenla, que interpretan a Maruxa e Coralia no seu Voaxa e Carmín ás 20:30 horas no Principal, a praza da Quintana será o lugar elixido para a danza de Maduixa Teatre: Muliër a partir das 18:00 horas.

E como vén sendo habitual nestas festas, continúa o escenario de Compostela é! Música, no que actúan os músicos e grupos locais de Santiago. Este sábado é a vez do rock de Roberto Sobrado.

Antonio Carmona
Antonio Carmona chega a Compostela xusto despois de publicar o seu terceiro disco en solitario, que leva por nome Obras son amores e que pon á venda seis anos despois do último. O cantante presentará este esperado traballo producido polo propio Carmona e Daniel García Diego.

A cita é ás 21:30 horas na Quintana, aínda que antes será a vez de Translations Trío e convidados, con Marcos Teira (guitarra flamenca), Alfonso Calvo (contrabaixo), Moisés Fernández (caixón flamenco), Alejandro Vargas (piano) e Isaías Monteiro (baile).

A xornada do sábado pecharase musicalmente na Alameda coa orquestra Los Españoles, que comezarán a súa actuación ás 22:30 horas.

Xornada festiva do venres
As actividades festivas seguiron este venres no auditorio das Cancelas cunha nova edición de Compostela Decide, un conxunto de actividades dirixidas e elixidas pola mocidade no pasado proceso de orzamentos participativos. Así, o auditorio ao aire libre das Cancelas acolleu a partir das 18:00 horas o Cancelas Fest, con Isla Canela, Pirocatus, Inmates, Catro Ghatos e Mojo Experience.

Ademais, Quintana foi escenario do esperado concerto da Real Filharmonía de Galicia, cun programa que incluíu a Suite sifónica "Galaica", de L. García Taibo, e Scheherezade, de Rimsky-Korsakov. Este concerto foi dirixido polo británico Jonathan Webb, principal director invitado da Real Filharmonía de Galicia.

A xornada festiva completouse na Alameda co Trofeo de Chave e, xa pola noite, coa actuación da orquestra Costa Dorada. E no Toural, concerto de Cachas & Cousins dentro do programa de promoción dos artistas locais Compostela é! Música.

Compartir: