ALCALDÍA

Marta Lois e Xan Duro visitan o Mercado Eco da praza Roxa

26/05/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, achegáronse esta mañá á praza Roxa para visitar o Mercado Eco que estará aberto ata o domingo 28 de maio.

Os concelleiros deron unha volta pola carpa na que está situada o mercado e compraron algúns dos produtos que están á venda dende o pasado 25 de maio. Xunto a eles estiveron Delmiro Prieto e José María Fernández, secretario e presidente de Santiago Centro, respectivamente.

Compostela Eco 2017 é un mercado de alimentación ecolóxica certificada, convocado conxuntamente pola Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro. Exposición comercial cuns vinte expositores de produtores de proximidade, tendas, elaboradores, transformadores e envasadores. Conta ademais con actividades de divulgación sobre os beneficios de adquirir este tipo de produtos.

Outras actividades
O Ensanche prepara para o sábado 27 de maio a terceira edición da Festa do Comercio, onde os establecementos saen á rúa con propostas lúdicas e de animación. A maiores, do 20 ao 28 de maio agasallaranos coa Ruta EcoGastro 2017. Promovida en colaboración coa Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca, trátase dunha ruta de tapas realizadas con alimentos ecolóxicos certificados, en establecementos hostaleiros do Ensanche.

Os locais participantes ofrecerán tapas, racións e pratos a un prezo orientativo de 3, 9 e 12 €, respectivamente. Os clientes e clientas participarán, ademais, no sorteo de descontos no Mercado Compostela Eco a través de boletos de premio directo.

Finalmente, xa do 1 ao 20 de xuño, a praza Roxa será tamén o epicentro do mercado de artesanía Compostela Art 2017 que terá lugar nun pavillón modular situado no corazón da praza.

Compartir: