PATRIMONIO

O IV Ciclo de Música de Cámara nas Cidades Patrimonio chega este sábado a Santiago

24/04/2017 O Paraninfo da Universidade, na Facultade de Historia, acollerá este sábado 29 de abril, ás 20:30 horas, un concerto do IV Ciclo Música de Cámara nas Cidades Patrimonio, unha iniciativa froito do convenio de colaboración entre a Fundación Albéniz / Escola Superior de Música Raíña Sofía e o Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que permite ofrecer de forma gratuíta ao público unha selección da mellor música de cámara en espazos históricos, civís e relixiosos das 15 cidades españolas distinguidas como Patrimonio Mundial da Unesco.

O concerto de Santiago correrá a cargo do pianista Enrique Lapaz, que interpretará obras de J. S. Bach, F. J. Haydn, C. Débussy, L. Berio, R. Schumann e M. Balákirev. Enrique Lapaz (Valencia,1988) graduouse na ESMUC con matrícula de honra e realizou un postgrao no Conservatorio Rimsky-Korsakov de San Petersburgo coa profesora Nina Seregina. Dende 2014 estudia na Escuela Reina Sofía, no Departamento de Piano Fundación Banco Santander con Dmitri Bashkirov. Desfruta dunha beca de matrícula Jaime Castellanos e CulturArts. En 2015 obtivo de mans da Raíña Sofía a mención de Alumno más Sobresaliente do seu Departamento. Como alumno da Escuela foi membro do Grupo Albéniz de Prosegur e, actualmente, forma parte do Grupo Schola, así como do Sexteto Ricercata do Instituto Internacional de Música de Cámara de Madrid.

O ciclo
O Ciclo de Concertos Música de Cámara nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que alcanza neste 2017 a súa cuarta edición, leva de forma gratuíta para o público unha selección da mellor música de cámara a espazos históricos, civís e relixiosos, das 15 cidades españolas distinguidas como Patrimonio Mundial por parte da Unesco, que serven de escenarios excepcionais para a celebración destes concertos de música de cámara.

Desta maneira, estes espazos devólvense ao uso e goce cidadán e cobran o seu sentido como espazos culturais, nunha fórmula que combina patrimonio histórico español e cultura musical universal, moi eficaz para favorecer o achegamento do público a estes lugares tan especiais das Cidades Patrimonio. Con esta actividade, as cidades da asociación suman á súa potente oferta cultural un activo máis, o que as converte nun importante axente cultural, co atractivo da vinculación entre Patrimonio e Música e o fomento dun turismo cultural de primeira orde.

A música de cámara, que para moitos críticos é o xénero onde a música alcanza a súa máxima expresión de calidade e emoción, é a protagonista deste ciclo que, en 2016 foi gozado por preto de 4.000 persoas. As agrupacións de cámara da Escola de Música Raíña Sofía, considerada un dos centros de alta formación musical máis prestixiosos do mundo, interpretan esta serie de concertos ao longo dos meses de marzo, abril, maio e xuño.

Compartir: