LINGUA

Os vídeos inscritos na I edición de Youtubeir@s superan xa a centena na recta final do concurso

24/04/2017 Youtubeir@s - Concurso de Vídeos na Rede pecha o prazo de inscrición o próximo venres 28 de abril ás 00:00 horas. Despois de cinco meses de concurso, esta primeira edición de Youtubeir@s rematará con máis de cen vídeos inscritos.

Esta iniciativa pretende fomentar a videocreación en galego na segunda rede social máis empregada do mundo, YouTube, a través de dúas categorías, vídeo-opinarmos e vídeo-facermos. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos de ata cinco minutos de duración. Hai 4.000 € en premios que se repartirán entre as persoas gañadoras nun acto de celebración o venres 26 de maio, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Ourense.

Neste momento xa se poden ver na canle de YouTube de Youtubeir@s todo tipo de vídeos. Na categoría de vídeo-facermos hai dende receitas de cociña ata vídeos sobre como quitar os puntos negros do nariz ou como facer pasta de dentes para elefantes. Na categoría de vídeo-opinarmos, as persoas participantes falan de temas tan diversos como a praga da couza guatamalteca, o amor na rede ou o deporte adaptado, entre moitos outros. O xurado, composto por Manolo González, María Lado, Manuel N. Singala, María Yáñez e Pablo Lamosa, xa comezou o seu traballo de visionado das pezas.

Todo o mundo pode ser youtubeir@ porque tod@s temos algo que contar. Baixo esta premisa e para fomentar o acceso á videocreación, o programa Youtubeir@s impulsou dende decembro a abril máis de 20 obradoiros por toda Galicia impartidos pola produtora creativa Illa Bufarda.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Toda a información sobre o Concurso en www.youtubeiras.gal.

Compartir: