EDUCACIÓN

O Concello, Arraianos Multimedia e Radio Galicia convocan o I Certame Escolar de Relato Radiofónico "O vello dos contos"

24/03/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, e o representante de Arraianos Multimedia, Aser Álvarez, presentaron esta mañá o I Certame Escolar de Relato Radiofónico "O vello dos contos".

Trátase da primeira edición dun concurso ao que pode presentarse o alumnado de 6º de primaria e dos catro cursos da ESO dos centros de Compostela. Os textos deben ser inéditos, pensados para ser radiados, dunha extensión de entre 3 e 5 folios, mecanografados a dobre espazo e escritos en lingua galega. Admítense tanto obras individuais como colectivas.

Os traballos teñen que presentarse por correo electrónico no seguinte enderezo: dptoeducacion@santiagodecompostela.gal e deberán incluír o enderezo, teléfono de contacto e correo electrónico das persoas autoras que asinarán ademais con nome e apelidos, idade, curso e nome do centro educativo. O prazo de presentación estará aberto ata o 19 de maio.

Emisión na radio
O premio para este primeiro certame consistirá na montaxe radiofónica e na publicación do texto premiado, de aí que unha das condicións esixidas sexa que a súa redacción teña que estar adaptada á emisión radiofónica. O premio está organizado polo Concello, en colaboración con Arraianos Multimedia e a emisora Radio Galicia – Cadena SER.

A obra será representada e radiada en directo nun acto público de entrega de premios ao remate do curso escolar 2016/2017 onde haberá unha representación musical a cargo da Escola Municipal de Música. A peza leva por nome A Rosalía, baseada nun texto de Alfredo Brañas.

O vello dos contos
Xosé Mosquera Pérez (Compostela, 1895) foi a primeira estrela mediática de Galicia. A través dos micrófonos de Radio Galicia, o popular persoeiro que creou Mosquera Pérez, "O vello dos contos" chegaría a converterse nun auténtico fenómeno de masas en Compostela e na contorna, grazas aos seus relatos radiofónicos, contos e historias.

O obxectivo deste certame, en palabras de Aser Álvarez, pasa por "recuperar a memoria do vello dos contos, un home que está sempre en segundo plano". Ademais, preténdese "achegar o coñecemento da historia local e amosar que se trataba dun home moderno para a época".

Compartir: