XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a memoria da XVII Campaña Municipal de Animación á Lectura

24/03/2017 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a memoria de actividades e orzamentaria da XVII Campaña Municipal de Animación á Lectura, que se desenvolverá do 27 de marzo ao 13 de maio.

Nesta edición, a campaña leva por título "Unha última carta", en referencia ao traballo gañador do IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, dos gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi. Como é habitual haberá unha exposición na Galería Sargadelos e organizaranse visitas guiadas e sesións de contacontos. Tamén están previstos obradoiros de ilustración, de escrita creativa e outras sesións formativas. O orzamento estimado para o desenvolvemento destas actividades é de case 26.000 euros.

Solicitude de subvencións
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se acordou a solicitude dunha subvención á Consellería de Política Social, para contribuír ao financiamento das escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Salgueiriños. A achega solicitada é do 50% do custo total, isto é 364.922,39 euros. O outro 50 % serían de achega municipal.

Ademais, a proposta da área de Acción Social acordousesolicitar unha subvención para o financiamento de servizos sociais comunitarios básicos para o ano 2017, por unha contía de 963.236 euros, sobre un orzamento total de 2.097.636,23 euros. O resto sería aportado polo Concello.

Por último, na Xunta de Goberno de hoxe acordouse iniciar o procedemento de adxudicación do contrato do seguro para a cobertura de riscos patrimoniais, persoais e de responsabilidade civil derivada do uso de vehículos de motor do parque móbil do Concello. O tipo de licitación é de 42.000 euros ao ano.

Compartir: