IGUALDADE

Santiago conmemora o Día Internacional das Mulleres con numerosas accións ao longo do mes de marzo

20/02/2017 A concelleira de Igualdade, Marta Lois, presentou esta mañá as accións que organiza o Concello de Santiago para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Así, haberá multitude de actividades que comezarán a finais de febreiro e se estenderán a todo o mes de marzo.

"Non queremos que o 25 de novembro ou o 8 de marzo se queden en simples días onde se lean manifestos, senón que apostamos por desenvolver campañas máis integradoras e transversais que engloben a varios departamentos" explicou a concelleira.

Gráfica feminista
O programa arranca o 23 e o 24 de febreiro na propia sede da Concellaría de Igualdade (rúa Isaac Díaz Pardo, 2-4, en Galeras). Trátase dun taller de gráfica feminista a cargo de Uqui Permui, no que a deseñadora amosará técnicas para que nos expresemos a través da arte dende unha óptica feminista. As sesións serán de 18:00 a 21:00 horas.

A actividade é de balde previa inscrición en territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal ou a través deste formulario. Hai un total de 20 prazas.

Na primeira parte do taller analizaranse as gráficas feministas realizadas dende os anos setenta, e na segunda parte, cunha orientación xa claramente práctica, desenvolveranse determinadas técnicas como a collage ou a rotulación manual. No marco deste obradoiro, buscarase que os/as asistentes desenvolvan unha peza gráfica que axude a construír un imaxinario feminista. Ademais, se alguén o desexa, poderá propoñer tamén unha peza ou un proxecto para deseñalo conxuntamente no propio taller.

As fillas bravas
O 26 de febreiro, ás 18:00 horas, no Centro Sociocultural de Enfesta, o grupo de teatro Chévere leva as súas Fillas bravas a esta parroquia compostelá. Un achegamento ao teatro dende a perspectiva de xénero que no mes de marzo visitará outras parroquias de Compostela.

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. As fillas bravas é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados dende a segunda metade do século XIX.

Sons cor violeta
O soportais do Pazo de Raxoi acollerán o vindeiro 6 de marzo, ás 20:00 horas, unha intervención artística a cargo de María Xosé Domínguez. Sons cor violeta servirá de homenaxe ás vítimas do incendio ocorrido o 8 de marzo de 1911 na fábrica textil Triangle Shirwaist, de Nova York. Alí morreron 126 traballadoras, unha circunstancia que provocou que hoxe se celebre o 8 de marzo como o Día Internacional das Mulleres. Será unha homenaxe a través da experiencia visual onde se fusionen imaxes dixitais, iluminación, son e fume.

Literarias
Vólvese apostar pola visibilización das publicacións de temática feminista e tamén polas escritoras. De aí que, do 3 ao 15 de marzo, as editoras, librarías e bibliotecas de Santiago lle dean un maior pulo a esta temática. Xa se adheriron as librarías Ciranda, San Pablo, Pedreira, Tirana e Lila de Lilith, así como a Biblioteca Xeral.

Ademais, continúase apostando polos Premios Xohana Torres, de tal forma que o propio 8 de marzo daranse a coñecer os gañadores e gañadoras da edición do 2016 e presentaranse as bases da do 2017. Premiaranse os ensaios e creacións audiovisuais sobre a memoria histórica das mulleres de Compostela.

Outras accións
Dende o Concello de Santiago desenvolveranse tamén outras moitas actividades que se irán presentando de forma máis pormenorizada coas persoas que as fan posibles.

Entre as accións previstas destacan a intervención artística que o colectivo As da Aghulla, da Asociación A Xuntanza de San Pedro, desenvolverá a partir do día 4 na praza do 8 de Marzo; a obra de teatro Té con Kant, a cargo de Inversa Teatro (6 de marzo, ás 11:30 h, no Paraninfo da USC); a campaña de sensibilización nos IES Tamén é machismo, a partir do 12 de marzo; as exposicións Elas, con Aurora Marco (do 2 ao 30 de marzo), e a de pintura, na Fundación Granell, con María Maquieira (do 1 ao 26 de marzo); o partido de fútbol sala feminino que enfrontará en Santa Isabel ás seleccións de Galicia e Cataluña, o 7 de marzo ás 20:30 h; a homenaxe ás lavandeiras no parque de Galeras (17 de marzo ás 12:30 h); ou a gala do 8 de marzo, a cargo de Chévere, que leva por título Bravas e Diversas e que se celebrará no Teatro Principal ás 20:30 horas . Toda unha serie de actividades dirixidas a visibilizar o Día Internacional da Muller e co obxectivo de chegar a todos os sectores da poboación compostelá.

Documentos relacionados



Compartir: