TURISMO

O alcalde e a concelleira de Turismo asisten a Fitur

20/01/2017 O alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visitaron hoxe a Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur 2017. Martiño Noriega e Marta Lois recolleron para Santiago o premio Trivago ao destino con mellor reputación online e participaron en numerosas xuntanzas e presentacións ao longo da xornada.

Martiño Noriega asistiu en Fitur á Asemblea de alcaldes do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade no stand de Extremadura, a urbe que ostenta a presidencia de turno do grupo. Logo, participou nos actos de sinatura de varios convenios por parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Un destes actos foi a renovación do acordo con Iberia para a organización conxunta de campañas e promocións internacionais das cidades en mercados de orixe. O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade tamén asinou hoxe, en presenza do alcalde de Santiago, un convenio de colaboración con Paradores de Turismo para seguir organizando accións conxuntas que fomenten o turismo cultural e dean a coñecer o patrimonio dos destinos que integran a asociación e dispoñen dun aloxamento da rede. Por último, firmouse un acordo coa Asociación Nacional de Ciudades Mexicanas Patrimonio Mundial, que ten como obxectivo unir esforzos para poñer en marcha actividades de protección, conservación, promoción e difusión das cidades mexicanas e españolas declaradas pola UNESCO Patrimonio Mundial da Humanidade.

Por último, o alcalde de Santiago asistiu, no stand de Turespaña á presentación do Plan de Acción 2017 do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade. No acto participaron a Secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián, e o director xeral de Turespaña, Manuel Butler. Para este ano, o plan prevé a presenza das 15 cidades do grupo nas feiras máis importantes do mundo, a organización de presentacións directas en mercados de orixe e a participación en xornadas profesionais de comercialización.

Presentación de Turismo de Galicia
Martiño Noriega e Marta Lois tamén asistiron esta mañá á presentación de Turismo de Galicia en Fitur, no stand da nosa comunidade. No acto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou o Plan Estratéxico do Turismo 2017-2020, que ten como obxectivo consolidar a Galicia como destino internacional e reforzar o peso do turismo no PIB da comunidade. Tamén anunciou que o Goberno galego levará a cabo un programa específico de actividades para conmemorar o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Visita ao stand de Wimbag
O alcalde tamén quixo aproveitar a súa presenza en Fitur para lle mostrar o seu apoio a unha empresa compostelá innovadora que está a presentar os seus produtos na feira de Turismo de Madrid. Trátase da firma Itelsis, que está empezando a comercializar un dispositivo que nos permite ter permanentemente localizada a nosa maleta, chamado Wimbag. O sistema fai que o propietario reciba unha alerta no seu móbil se a súa equipaxe se afasta dous quilómetros da súa posición.

Compartir: