ACCIÓN CULTURAL

Teatro do Atlántico presenta "Helena, xuízo a unha lurpia", revisión no século XXI da historia de Helena de Troia

14/12/2016 Teatro do Atlántico presenta en Compostela Helena: xuízo a unha lurpia, unha revisión da historia de Helena de Troia que transcorre no século XXI. O espectáculo, que se enmarca dentro da programación do ciclo Teatro & Danza, da Concellaría de Acción Cultural, poderá verse este xoves 15 e o venres 16, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Nese espazo no que a nosa memoria a converte en inmortal, atopámonos con Helena de Troia, "a bela Helena", a filla de Zeus e Leda, a esposa de Menelao, a amante de Paris. Estamos no século XXI. Helena xa non é "a bela Helena", senón unha muller con certos signos que nos falan do implacable paso do tempo. Malia iso mantense posuidora dunha enerxía desbordante, habitando nunha especie de tobogán emocional transitado polos intensos episodios da súa travesía vital. Travesía na que se mesturan a dor da nena violada por Teseo coa dor da esposa obrigada por Menelao; a paixón da amante namorada do fermoso Paris, co desafío e o rancor para con Zeus, o seu divino pai; a ironía arredor de moitos dos seus contemporáneos -Aquiles, Ulises- coa impotencia diante da crueldade da guerra....

"Quen escrebe a historia?" Helena diríxese reiteradamente a nós con esa interrogante, rexeitando a maneira en que foi contada a súa vida. Agora quere que, antes de xulgala, escoitemos a súa versión dos feitos, sorprendéndonos cun relato apaixonado, intenso, cheo de tenrura, de humor, de berro e de dignidade.

O autor, tomando como punto central da súa proposta un tempo mítico que podemos situar nun milenio a.C., e abordando o drama dun personaxe da mitoloxía grega, consegue que aquela muller dialogue inequivocamente en tempo presente coa cidadanía deste século XXI que nos toca habitar, e que comparta cos nosos públicos unha reflexión e unha denuncia arredor do drama da muller contemporánea e tamén de moitas das dramáticas circunstancias polas que transita a nosa civilización: a constante e brutal capacidade humana para a destrución, o saqueo, o asasinato, a violación ou a insoportable sucesión de interminábeis guerras neste século XXI, iniciadas frecuentemente con xustificacións tan "curiosas" como foi o pretendido "rescate" da fermosa Helena para explicar o inicio dunha guerra que se prolonga dez anos e que culmina coa destrución de Troia.

A loita pola dignidade, pola xustiza e pola igualdade; a intensa denuncia contra a violencia de xénero e os abusos do poder, completan unha proposta relevante constantemente contrapesada pola ironía, o humor e o sarcasmo de Helena e pola súa expresión irrefreable, fermosa e conmovedora, da enorme paixón que lle inspira Paris; un amor inmenso inzado de tenrura, desexo, loucura, vida.

Venda de entradas
As entradas poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Teñen un prezo de 10 euros (5 para estudantes, xubilados, desempregados, maiores de 65 anos, menores de 25, familias monoparentais, numerosas e perceptores de rendas sociais).

Compartir: