DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Un proxecto para a depuración de augas residuais gaña o Concurso municipal de ideas innovadoras para o emprego

09/12/2016 Máis de oitenta persoas confirmaron xa a súa participación no primeiro Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na adversidade, que se celebrará o 15 de decembro co obxectivo principal de estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible.

O Foro de Economía Social combinará sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento e con dinámicas grupais e actividades que axuden ás persoas participantes a superar a negatividade e a coñecer mecanismos para afrontar retos e establecer redes de colaboración.

No Foro tamén se busca coñecer e recoñecer o traballo de iniciativas e empresas con valores sostibles, igualitarios e solidarios. Neste contexto entregaranse os premios do Concurso de ideas innovadoras para o emprego.

O primeiro premio é para Root And Fish. GreenAquaculture, un proxecto innovador para o desenvolvemento de sistemas acuapónicos de depuración de augas residuais que permitirá mudar modelos de produción agrícola tradicionais por proposta sostibles e que ten un impacto directo na creación de emprego.

O segundo premio é para o proxecto de Avaliación Colaborativa do Vídeoxogo como medio para a Educación, Formación Profesional e Convivencia Social, que aborda un reto de total actualidade e incidencia social, con orixinalidade e vontade de experimentación para propor solucións adaptadas ás necesidades da comunidade educativa compostelá.

Compostela Móvese
As persoas interesadas en participar no primeiro Foro de Economía Social Inspiradora, que se enmarca no programa Compostela Móvese, da Oficina de Promoción Económica do Concello, poden atopar máis información e inscribirse na web do Cersia: www.cersiaempresa.org. O programa Compostela Móvese recolle as múltiples actividades que desenvolve esta Oficina para impulsar un novo modelo económico para Santiago, apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio.

A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros. O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento, apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello. Por outra parte, articulouse unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago, que busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento coma o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: