IGUALDADE

Marta Lois fai balance da campaña "Compostela en Negro", á que se sumaron máis de 500 locais

09/12/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo fixo hoxe balance da campaña de sensibilización Compostela en Negro, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polos representantes de dúas das entidades que máis se implicaron no seu desenvolvemento: José Luis Fernández, director de comunicación de Gadisa, e Jesús Chenel, presidente da Asociación de Empresarios do Tambre. Marta Lois quixo lembrar tamén a participación de Finsa e da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que non puideron participar na comparecencia.

A concelleira explicou que era o seu desexo "facer visible a participación especial que tiveron estas empresas na campaña, financiando unha parte do material utilizado como camisetas, faixas ou paraugas, e facéndose cargo aproximadamente dun 35% dos custos de produción que tivo o Concello de Santiago na campaña do 25N". No caso de Gadisa, tamén colaborou no patrocinio do material no resto dos concellos galegos que se sumaron á campaña En negro contra a violencia.

Compromiso das empresas
O director de comunicación de Gadisa aproveitou a rolda de prensa para felicitar ao Concello de Santiago "pola singularidade desta campaña, que é unha maneira novidosa de sensibilizar á poboación dun problema de extrema gravidade". José Luis Fernández tamén adiantou que "Gadisa seguirá colaborando con este tipo de iniciativas, porque a empresa está sensibilizada". Na mesma liña, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, salientou a importancia de iniciativas como Compostela en Negro para "loitar contra o que xa se pode considerar unha guerra, e no que queda moito camiño por andar, mesmo no eido xudicial".

Tamén participou na rolda de prensa Pilar Luaces, do equipo técnico da campaña Compostela en Negro, quen salientou "a boa resposta das empresas e entidades coas que contactamos para buscar o seu apoio". Ademais de Gadisa e da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, destacou a participación de Finsa, a IXP Ternera Gallega e doutras empresas e cooperativas como Feiraco que, aínda non fixeron achega económica directa, "si internalizaron a campaña, facéndose cargo do propio material que utilizaron para poñerse en negro contra a violencia e, sobre todo, serviron de altofalantes da campaña".

Impacto de Compostela en Negro
A concelleira de Igualdade tamén fixo balance do impacto da campaña Compostela en Negro, na que participaron uns 550 establecementos, locais e entidades do noso municipio, máis do dobre que o ano pasado. Marta Lois lembrou que o 82% dos establecementos que se sumaron á primeira edición repetiron este ano "no que superamos todas as expectativas". A concelleira explicou que o 32,4% dos establecementos que participaron en Compostela en Negro foron da zona vella, e un 31,3% do Ensanche. Este ano tamén se sumaron locais incluso de zonas máis rurais do municipio.

A edil de Igualdade tamén quixo poñer en valor a implicación dos institutos públicos da cidade e da comunidade universitaria, "coa participación de moitos voluntarios na concentración convocada no propio 25 de novembro na praza do Obradoiro, na que participaron unhas 600 persoas que debuxaron con paraugas o logo da campaña". Por último, Marta Lois agradeceu especialmente "a implicación do deán da Catedral, Segundo Pérez, que facilitou que se puxese unha lona co lema da campaña na basílica, un acto que tivo un grande impacto social e mediático e fixo máis visible a repulsa da nosa cidade ante as violencias machistas".

Unha campaña que vai a máis
A concelleira de Igualdade tamén lembrou que, este ano, a campaña En negro contra a violencia chegou a 17 concellos galegos "de cores políticas moi diferentes, e entre os que se atopaban as principais cidades do país, pero tamén municipios rurais das catro provincias". En total, máis de 2.700 establecementos e axentes sociais participaron na campaña, que seguirá medrando en próximos anos.

Compartir: