XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local adxudica o servizo de recollida de animais abandonados

09/12/2016 A Xunta de Goberno adxudicou hoxe o contrato do Servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos domésticos ou salvaxes á empresa Servicios Gallegos de Lacería. O servizo terá un custo de 36.989 euros anuais, IVE aparte de 7.767,69 euros.

Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se deu conta da sinatura de varios convenios entre o Concello e distintas entidades culturais. Así, a Sala Capitol recibirá unha achega de 12.000 euros, e a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e a Asociación Cultural e Folclórica Colexiata de Sar recibirán 3.500 euros cada unha. Aprobouse igualmente a xustificación e o pagamento de varias subvencións nominativas: a da Asociación Cultural e Musical Solfa, por 3.000 euros; a da Asociación Cultural Rocha Forte, por 3.000 euros; e a do grupo de baile e música tradicional Brincadeira, por 3.500 euros.

Ademais, na sesión deuse conta da concesión dunha subvención de 10.000 euros da Deputación da Coruña, correspondente á convocatoria de axudas para o mantemento de conservatorios, escolas de música e escolas de danza. Tamén a proposta do concelleiro delegado de Educación, aprobouse a conta xustificativa do convenio de colaboración coa Consellería de Educación para a xestión do servizo de comedor escolar en nove centros de Compostela, que ascende a 19.551 euros polo período escolar do 12 de setembro ao 30 de outubro. Os colexios incluídos no convenio son o CEIP Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Cardeal Quiroga Palacios, Roxos-Villestro, Monte dos Postes, Mestre Rodríguez Xixirei, Fontiñas, Vite I e CEIP Raíña Fabiola.

Nova sentenza contraria aos intereses municipais
A Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou atender o requirimento feito dende o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago para que se lle dea cumprimento a unha sentenza ditada no ao 2013 e pola que o Concello terá que desembolsar máis de 50.000 euros. O procedemento refírese ao recurso interposto por unha comunidade de propietarios da rúa da Queimada, á que se lle imputaran uns gastos de urbanización. A xustiza deulle a razón, e o Concello terá que pagarlle 46.418,24 euros pola cota de urbanización, 3,787,96 euros pola diferenza de aproveitamento e 6.388,57 euros en concepto de intereses.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que esta sentenza súmase "ás moitas que levamos recibidas no último ano, polas que o Concello ten que pagar máis de tres millóns e medio de euros, ademais de verse obrigado a corrixir varias adxudicacións mal efectuadas segundo a xustiza". O rexedor insistiu en que "a situación que estamos a vivir no que ten que ver coas sentenzas xudiciais non é normal, e está prexudicando ao normal funcionamento da administración, en canto que ten que refacer trámites que deberan estar resoltos".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: