POLÍTICAS SOCIAIS

A memoria da I Xornada sobre as persoas sen fogar aposta polas políticas sociais activas na atención ás persoas sen teito

07/12/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá a memoria da I xornada sobre a situación das persoas sen fogar, celebrada en Compostela o pasado 27 de outubro.

A xornada, pioneira en Galicia, reuníu na nosa cidade a profesionais e entidades do país e do conxunto do Estado que reflexionaron sobre o tipo de políticas e actuacións a levar a cabo coas persoas sen fogar. Concha Fernández explicou que "froito desta xornada elaboramos unha memoria coas principais reflexións e conclusións. Nesta memoria ponse de manifesto a importancia de tratar as persoas sen fogar desde o punto de vista do respecto á súa dignidade e aos seus dereitos, sempre promovendo metodoloxías de intervención respectuosas pero activas, é dicir, que sexan as políticas sociais e sanitarias as que se acheguen ás persoas e non agardar que sexan as persoas en máxima vulnerabilidade e exclusión quen se achegue ás políticas públicas".

Modelo Housing First
A xornada amosou que un dos modelos que máis éxito está a ter en países europeos e cidades como Barcelona é o modelo "Housing First" ou vivenda primeiro. Os programas que se levaron a cabo baixo este enfoque ofrecen resultados moi positivos, destacando que máis do 80% das persoas manteñen a vivenda despois de dous anos. Ademais, Housing First ofrece mellores resultados e non supón un maior custe que o modelo tradicional, ofrecendo unha alternativa eficaz e eficiente, que complementa os servizos que prestan as redes de atención para as persoas con maiores dificultades de acceso aos servizos de promoción e protección sociosanitaria.

"En Compostela", lembrou a concelleira, "fomos pioneiros en Galicia en implementar este modelo, grazas ao cal están a vivir de forma autónoma, pero supervisada por profesionais de FEAFES, dúas persoas, ás que se sumarán dous homes e dúas mulleres para completar os tres pisos municipais dispostos para tal fin". Concha Fernández anunciou que estivo visitando os pisos de saída e comprobou o traballo realizado polas entidades. Tamén quixo apuntar o traballo que se está a facer cos equipos de rúa de Cruz Vermella e que son o primeiro chanzo na atención a estas persoas. O equipo de rúa segue mantendo 4 rutas semanas en horarios de mañá e tarde. No último reconto documentaron 29 persoas durmindo en rúa e 13 en pensións. Levaron a cabo tamén centos de entrevistas e ducias de acompañamentos.

Atención ás persoas con enfermidade mental
Na xornada tamén se analizou, e así se recolle na memoria elaborada, o modelo de atención ás persoas sen fogar e con trastornos mentais, desde o punto de vista do que falta (fogar, familia, sustento…) e do que sobra (alcohol, drogas, delincuencia…) poñendo o foco no estigma social e invisibilización da vulneración de dereitos.

A memoria conclúe que a abordaxe máis axeitada ten que ser integral e multidisciplinar, incorporando nos equipos de atención na rúa profesionais do ámbito social e sanitario, psiquiatras dos servizos de saúde e traballadoras sociais e educadores dos servizos sociais, como ben relataron os psiquiatras Rubén Pérez, do Hospital de Bilbao e Lucía de Río, que fixo a súa residencia no SAMUR social de Madrid.

A concelleira engadiu que nesa xornada "tamén presentamos o traballo feito en Compostela, dando a coñecer a metodolóxia que seguimos na mesa de coordinación e traballo coas entidades sociais de Compostela".

Ás preguntas dos medios de comunicación Concha Fernández volveu pedir "corresponsabilidade á Xunta de Galicia, xa que son as administración autonómicas as que teñen competencia en materia sanitaria e de vivenda e deberían asumir un papel, como mínimo, de coordinación dos recursos". A concelleira de Políticas Sociais lembrou que "a metodoloxía de traballo que levamos implementando durante ano e medio na atención ás persoas sen fogar está respaldada, non só por esta memoria, senón por profesionais do sector e incluso os Colexios Profesionais".

Compartir: