ALCALDÍA

Santiago pásalle o testemuño da organización do Womex a Katowice

22/10/2016 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi foi escenario este mediodía do acto da cesión da organización do Womex, que o en 2017 se celebrará en Katowice. O alcalde da cidade polaca, Marcin Krupa, recibiu o testemuño de mans do rexedor compostelán, Martiño Noriega, nun acto no que tamén participaron a concelleira de Turismo, Marta Lois; o director do Womex, Alex Walter; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Na súa intervención, o alcalde de Katowice recoñeceu que "Compostela deixou o listón moi alto en canto á organización do Womex, e nós agora esperamos estar á altura". Marcin Krupa quixo parabenizar a Santiago polo éxito da edición de 2016, "porque a música estaba presente na cidade, non só nos concertos, senón paseando por calquera pequena rúa de Compostela".

Pola súa banda, o alcalde compostelán mostrou o seu desexo de que a boa organización faga que "Santiago sexa para Katowice un espello no que mirarse, malia a que a nosa sexa unha cidade moito máis pequena no cuantitativo que a que para o ano que vén será escenario do Womex". Martiño Noriega incidiu nos vínculos que unen a Compostela con Polonia "a través dunha ruta xacobea moi utilizada na Idade Media, e que deixou pousos como a igrexa dedicada a Santiago en Torum, ou a Cátedra sobre o Camiño de Santiago na Universidade Nicolás Copérnico da mesma cidade". O rexedor tamén lembrou que Compostela "aínda que é pequena en tamaño, é Patrimonio Mundial da Humanidade, foi Capital Europea da Cultura, e está chea de música antes, durante e despois do Womex".

Intercambio de agasallos e actuacións musicais
Para pasarlle o testemuño na organización do Womex, o alcalde de Santiago fíxolle entrega ao seu homólogo de Katowice dunha serigrafía de Xurxo Martiño na que se pode ver o skyline de Compostela. Martiño Noriega recibiu de Marcin Krupa outro cadro, da igrexa máis importante da súa cidade.

O acto de cesión da organización do Womex finalizou con dúas actuacións: a dun gaiteiro polaco e a do grupo musical Timbila Muzimba acompañado do guitarrista Marcos Teira.

Compartir: