CONVIVENCIA

Novos pasos para dotar a cidade vella de zonas de aparcamento de residentes

21/10/2016 A partir do próximo luns, 24 de outubro, os residentes das rúas Carretas, Hortas, Trindade, Raxoi e dos números 2,4 e 6 da rúa San Clemente poderán solicitar as súas tarxetas de acceso e de residentes. O trámite realízase nas oficinas do Departamento de Tráfico, na Costa do Cristo.

A tramitación destas tarxetas é un dos pasos previos para a posta en funcionamento de tres novas bolsas de aparcamento para residentes na cidade vella. Deste xeito, explicou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, daráselle resposta a unha demanda histórica dos colectivos veciñais. Estas zonas verdes, que se están sinalizando, sumarán 92 prazas. En concreto, haberá 33 en Costa Vella (dúas delas para persoas con mobilidade reducida), 21 na Algalia de Abaixo, e 38 en San Clemente (unha delas para persoas con mobilidade reducida).

Nas tres áreas, os residentes poderán estacionar en horario nocturno, dende as 20:30 ata as 8:30 horas en días laborables e ata as 10:30 horas en festivos.

Para facilitar a xestión das novas bolsas de aparcamento de residentes na cidade histórica, a partir do luns tamén se modificará o horario do réxime curta duración da ORA na Praza da Algalia de Abaixo, que pasará a ser de réxime xeral: de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres. Os sábados, o horario será de 10:00 a 14:00 horas.

Compartir: