ACCIÓN CULTURAL

Este luns comeza a edición máis ambiciosa do festival internacional Curtocircuíto

30/09/2016 A décimo terceira edición de Curtocircuíto dará comezo o vindeiro luns 3 de outubro, nunha edición na que destacan nomes propios como os directores Abel Ferrara, Sergei Loznitsa, Ana Vaz e Pedro Maia, o crítico de cine Jonathan Rosenbaum, o ex-director da Filmoteca Española Chema Prado, grupos como os escoceses The Cosmic Dead, os cataláns Celestial Bums e os valencianos Siesta! e artistas multidisciplinares como The Legendary Tigerman.

Outro dos nomes que soarán con forza durante o festival será o do compostelán Javi Álvarez, quen empezará a semana impartindo no CGAC "Todo vai ser diferente", un obradoiro sobre procesos de experimentación audiovisual partindo do uso de tecnoloxías sinxelas, dispositivos obsoletos, enxeñaría doméstica e circuit bending (modificación de xoguetes electrónicos). Álvarez, membro do xurado que elixirá a película gañadora da categoría Planeta GZ, tamén realizará un espectáculo de live cinema titulado "Cando prácticas e non practicas" o mércores 7, na sala Riquela.

O vindeiro luns comezan as proxeccións do programa de cine infantil Criaturas e as películas para adolescentes do programa Teenage Riot, que terán lugar de luns a venres para nenos, nenas, mozos e mozas, polas mañás no Teatro Principal.

Pola tarde, os espectadores que se acheguen ao teatro compostelán poderán asistir ás primeiras proxeccións dos programas internacionais Explora, Radar e Planeta GZ. Neste último, a partir das 22:15 horas, proxectaranse traballos de directores galegos consolidados como Lucía Vilela, Diana Toucedo, David Varela, Iván Castinheiras, Xurxo Chirro, Fernando Redondo e Isabel Sempere.

Direcciones relacionadas



Compartir: