XUNTA DE GOBERNO

Os informes xurídicos avalan que o Concello pode seguir contratando con Serunión

30/09/2016 Os informes asinados polos responsables da Asesoría Xurídica do Concello e do Departamento de Contratación sinalan que o Goberno municipal pode seguir contratando con Serunión, adxudicataria do servizo de comedores escolares. Neles sinálase que nin esta empresa nin Villasenín S.L incorreron en dolo, culpa ou neglixencia ao retirar as súas ofertas á licitación do servizo de comedores escolares para os cursos 2015-2016 e 2016-2017, que fora declarado deserto en novembro de 2015. Pola contra, da documentación despréndese que a empresa Perea Rojas SLU sí puido incorrer en culpa ou neglixencia ao retirar a súa proposta, polo que se iniciará un procedemento para declarar a prohibición de que contrate co Concello de Santiago.

Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, o alcalde apuntou que o informe debe poñerlle fin "ás dúbidas expresadas por algúns en relación á adxudicación do servizo de comedores á empresa Serunión", xa que se entende que nin polo fondo nin pola forma hai motivos para prohibir as contratacións do Concello con esta firma. Martiño Noriega lembrou que a empresa Serunión renunciara no primeiro procedemento ao contrato, alegando que "tiña reorientado os seus recursos cara outra área de negocio e asumira o servizo en 15 comedores escolares xestionados pola Xunta", que tivera que rescindir o contrato coa empresa que o viña subministrando ao detectarse comida en mal estado.

Obras no alumeado público
A Xunta de Goberno autorizou hoxe a realización de distintas actuacións no alumeado público, que se financiarán con cargo á partida reservada por Ferrovial para este tipo de melloras e que ascende a 150.000 euros anuais. Todos os proxectos teñen o obxectivo de reducir consumo enerxético. Así, reformaranse as instalacións do alumeado público no paso inferior de Área Central, por un importe de 18.635,91 euros.

A actuación reducirá o consumo en 87.797 kw/ano, o que supón un aforro de 14.105 euros, de xeito que a actuación estará amortizada no período de 15 meses. Tamén se van substituír tubos fluorescentes por tubos led no alumeado público, por un importe de 6.118,97 euros. Neste caso, a redución do consumo será de 38.759 kw/ano, o que equivale a 5.764 euros de aforro anual, de xeito que a actuación estará amortizada nun período de 13 meses. Por último, instalaranse baterías de condensadores en diversas dependencias municipais, por un importe de 5.378,45 euros. A actuación suporá un aforro de 5.475,71 euros/ano.

Subvencións
Na xuntanza desta mañá, o Goberno acordou solicitar á Xunta unha subvención para a promoción da Igualdade. En concreto, solicítase unha achega de 69.000 euros para o financiamento dos postos de dirección, atención psicolóxica e axente de igualdade do Centro de Información á Muller. Tamén se deu conta da concesión dunha subvención da Deputación da Coruña por un importe de 18.9000 euros, que se repartirá a partes iguais entre os departamentos de Educación e Centros Socioculturais.

Por último, na Xunta de Goberno deuse conta da sinatura de diversos convenios entre o Concello e entidades do sector cultural. Son un total de trece acordos, por un importe total de 73.575 euros.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: