DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Compostela volve ser o punto de encontro da cultura maker esta fin de semana

30/09/2016 A Maker Faire Galicia, escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas, celebrarase os días 1 e 2 de outubro no Pazo de Congresos. A fórmula de Galicia Maker Faire consiste en reunir nun mesmo espazo e tempo a persoas que fan cousas incribles e están dispostas a partillalas co público.

A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois e unha das coorganizadoras do evento, Chus Prol, presentaron os detalles dun evento no que non faltarán os stands de makers que, con proxectos relacionados coa tecnoloxía 3D, as placas Arcuino, toda clase de robots, dos máis educativos aos lúdicos pasando polos drons, farán as delicias de grandes e menos grandes das casas.

Contaremos coa presenza de proxectos que se levan a cabo en universidades, institutos e nas comunidades de makers, que cada vez son máis. Comunidades como a compostelá Recuncho Maker, aloxada no Matadoiro Compostela evidencian unha tendencia que espazos colaborativos como os FabLabs ou os HackSpaces están a facer unha realidade. Os argalleiros de hoxe en día gozar fedellando, dando a coñecer o que fan e como o fan e, polo tanto, gozan de compartir coñecemento ao máis xenuíno estilo do código aberto, en comunidade e de maneira presencial.

A feira será tamén un espectáculo e contará con música da man do Escenario SinSal con concertos de varios artistas como Juanma Lodo e The Hyprercubes o sábado. O concerto fin de festa do domingo correrá a cargo de Hidrogenesse.

Ao longo dos dous días haberá talleres de ciencia ou robótica, papiroflexia, con inscricións abertas na web galicia.makerfaire.com; mesas redondas nas que se sentaran expertos de temas como o financiamento de proxectos; mesa ECO, espazos colaborativos; drons e a súa lexislación; makers e unha mesa sénior. Haberá tamén formato de charlas curtas e talleres colaborativos, como a creación dunha escultura con vimbio ou o campionato de robots por equipos. Tamén unha exhibición de drons en interior e exterior, grafitti, parkour...

A parte gastronómica tamén terá a súa representación nos diferentes food trucks. Contaremos con sorteos e sorpresas que non deixarán a ninguén indiferente.

A cita é o sábado ás 10:00 horas e, co pago do prezo da entrada, as persoas poden entrar dous días. A entrada custa 3 euros para persoas adultas, mentres que as nenas e nenos de menos de 12 anos entrarán de balde. Para facilitar a asistencia, a liña 6 dos autobuses urbanos vai ser reforzada e quen se achegue en coche dende o Periférico dispón dun amplo aparcadoiro arredor do Estadio de San Lázaro.

Consolidación
En outubro de 2015 celebrouse a primeira Maker Faire da historia de Galicia en Santiago de Compostela, no centro comercial Área Central, que tamén contou coa colaboración do Departamento de Promoción Económica do Concello. Contou coa participación de 138 makers e asistiron como público arredor de 18.000 persoas, o que fixo que fose a terceira máis grande de Europa tras Roma e París.

Tras a exitosa primeira edición, a Compostela Maker Faire convértese neste ano, na súa segunda edición, na Maker Faire Galicia, co obxectivo de converterse nun evento anual que sirva de punto de encontro para a comunidade creadora, potenciando unha Galicia innovadora e colaborativa.

O movemento maker reúne baixo un mesmo paraugas a un crecente número de persoas de distintos perfís que usan técnicas Do-It-Yourself e Do-It-Together para desenvolver tecnoloxías únicas e solucións innovadoras. Europa é o continente cun maior número de Makerspaces e FabLabs, ademais de dar a luz a proxectos como Arduino, Raspberry Pi ou RepRap, todas ferramentas de código aberto que democratizaron o acceso a tecnoloxías como a electrónica, a programación e a impresión 3D.

A cultura maker e a súa filosofía de compartir coñecemento está permitindo a creación de novos espazos de encontro e traballo nos que se fabrican as últimas vangardas tecnolóxicas e que favorecen a transferencia de coñecemento; novos traballos (tecnólogo creativo, deseñador de interacción, emprendedor dunha startup de hardware, fabricante ou distribuidor de impresoras 3D, experto educativo, piloto de drons e moitos máis); novas ferramentas educativas que funcionan con todos os públicos e que son accesibles a todos a través de internet e novos tipos de festivais-feiras que potencian o uso das tecnoloxías creativas como as Marker Faire.

Documentos relacionados



Compartir: