ACCIÓN CULTURAL

Quince concertos no Ciclo de Outono da Banda Municipal de Música

29/09/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director da Banda Municipal de Música, Casiano Mouriño Maquieira, presentaron esta mañá o Ciclo de Outono da Banda. Fórmano 15 concertos, cinco no mes de outubro, sete en novembro e tres no mes de decembro.

Dentro destes concertos, seis serán polas mañás e dirixidos a escolares, xa que están enmarcados no programa didáctico da Concellaría. Ademais, tamén figuran no programa un concerto especial dentro das Xornadas de Música Contemporánea, outro para o festival Cineuropa e o concerto de Nadal. Todos eles serán con entrada de balde ata completar aforo.

No mes de outubro haberá cinco concertos, tres abertos ao público e dous concertos didácticos. Os didácticos serán no Auditorio de Galicia o xoves 13 e o venres 14, con dúas funcións cada día, baixo o nome de O País da Banda e con Paula Carballeira como narradora. En canto aos concertos abertos ao público, inauguramos ciclo o domingo 9 de outubro co Concerto Inicio de Temporada 16/17 e continuamos o domingo 23 con Primeiros Sinfonismos do Século XX, con Javier Viceiro Filgueira como director convidado e Javier Ares Espiño ao piano. Pechamos a programación do mes o domingo 30 coa Gala Lírica Opereta & Zarzuela dirixida por Casiano Mouriño e acompañados pola soprano Laura Alonso Padín. Os tres concertos, de balde, son ás 12:00 horas no Teatro Principal.

En novembro teremos catro días de propostas didácticas, venres 4, mércores 23, xoves 24 e venres 25, con Imos ao cine coa BMSC. Dirixidos por Casiano Mouriño e con imaxes de Manuel Muñoz Hermida, serán ás 11:00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. O domingo día 13, a Banda ofrecerá o seu habitual concerto dentro das Xornadas de Música Contemporánea baixo o nome Imaxes Contemporáneas, presentado por Beatriz e Alberto Cancela e dirixido por Casiano Mouriño. O domingo 20 poderemos escoitar Conectando culturas, baixo a dirección de David Fiuza Souto, e pechamos o mes co concerto especial de Cineuropa: Imos ao cine coa BMSC, con imaxes de Manuel Muñoz Hermida. Todos os concertos son de novo ás 12:00 horas no Teatro Principal.

A Banda ofrecerá tres concertos no mes de decembro. Os do domingo 4, cun director por determinar, e do domingo 18, con The Valencia Widow, serán ás 12:00 horas no Teatro Principal. Pechamos a programación do ciclo co concerto especial de Nadal o venres 23, dirixido por Casiano Mouriño e acompañados polo Cantorum Compostellana Coniuncitio que dirixe Anxo Abel Souto. Nesta ocasión será tamén no Teatro Principal, pero ás 20:30 horas.

Compartir: