ALCALDÍA E MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental prepara un novo curso cheo de actividades

29/08/2016 O alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia visitaron esta mañá en Belvís o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), que se está preparando para un novo curso cheo de actividades. Martiño Noriega e Xan Duro reiteraron "a vontade do Goberno de poñer en valor este espazo, dedicado a mellorar a comprensión da nosa cidade e do seu medio natural".

Na visita, o alcalde e o concelleiro estiveron acompañados pola responsable da cooperativa Feitoría Verde, que xestiona o CIAC. Paula Lubián explicou que todos os meses organizan obradoiros ambientais e roteiros guiados, e a maiores celébranse actividades teóricas e prácticas relacionadas co medio ambiente. Tamén mostrou a súa vontade de colaborar con entidades da cidade, para dar a coñecer a actividade do CIAC entre a vecniñanza.

Programación de setembro
Aproveitando a visita, hoxe presentouse a programación do CIAC para o mes de setembro, que estará centrada en cuestións relacionadas coa alimentación responsable e a xestión dos residuos domésticos.

A programación comezará o sábado 17 de setembro, coas Xornadas de Educación Ambiental "Contos para coidar a terra". Nelas haberá charlas e sesións prácticas para aprender a contar contos con contido ambiental. Nas xornadas participarán Chus Ferrín, Bea Campos, Paco Nogueira e Anxo Moure.

Ao día seguinte, domingo 18, celebrarase un Obradoiro de Compostaxe, que permitirá coñecer unha alternativa ecolóxica para o tratamento dos residuos orgánicos da casa, os restos das podas ou os procedentes da horta e do xardín. A actividade está dirixida a todos os públicos e é de balde, aínda que é preciso inscribirse.

O martes 20 de setembro, o CIAC acollerá unha sesión práctica sobre alimentación responsable. O obxectivo é amosar de onde veñen os alimentos e que significan as etiquetas. Tamén se ensinará a coñecer se un alimento é ou non ecolóxico, e o que iso supón. Na mesma liña, para o martes 27 de setembro está prevista unha sesión práctica sobre métodos de transformación de alimentos, en colaboración coas produtoras e produtores do mercado Entre Lusco e Fusco. Da súa man, os participantes coñecerán distintos métodos de conservación de alimentos, como os fermentos, os secados ou as conservas de peixe.

Por último, o sábado 24 de setembro realizarase un novo roteiro interpretativo polas Brañas de Sar, como se veñen realizando cada derradeiro sábado de mes.

As instalacións
O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, en Belvís é un espazo multifuncional, que reabriu as súas portas a comezos de ano co obxectivo de "aportar unha visión didáctica da ecoloxía urbana, propiciar unha mellor actitude da veciñanza en prol do coidado do medio ambiente, e fomentar a implicación social en cuestións ambientais".

O CIAC é xestionado pola cooperativa Feitoría Verde, que vén desenvolvendo un variado programa de actividades que inclúe exposicións, roteiros ambientais, obradoiros de formación, ou ciclos de cinema ambiental. Tamén se están organizando actividades específicas para os centros escolares. O Concello destina 25.560 euros ao plan de acción para o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: