XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal saca a licitación o contrato de subministro eléctrico

29/07/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do procedemento de adxudicación do contrato de subministro de enerxía eléctrica en baixa e media tensión. Esta era unha obriga que o Concello leva incumprindo desde 1997, ano no que se liberalizou o sector da enerxía e no que as administracións públicas debían licitar o servizo para darlle a oportunidade a outras empresas a prestalo, á marxe da antiga Unión Fenosa. O alcalde recordou que, no caso de Compostela, o subministro seguiu correndo a cargo de Gas Natural, e foi preciso aprobar recoñecementos extraxudiciais de crédito para abonarlle as facturas, ante a ausencia de contrato.

Martiño Noriega explicou que o contrato conta cun tipo de licitación de 2.683.892 euros máis IVE, e na adxudicación terase en conta o emprego de fontes renovables e elementos que favorezan o aforro enerxético. O alcalde tamén apuntou que o contrato farase por un prazo dun ano prorrogable, "porque o Goberno quere explorar a posibilidade de licitar o servizo de electricidade de forma conxunta con outros concellos, no marco da Mancomunidade".

Novos vehículos para a Policía Local
A Xunta de Goberno tamén adxudicou hoxe á empresa Autos Iglesias S.L. o subministro, mediante renting de oito vehículos para a Policía Local. O orzamento do contrato é de 343.680 euros máis IVE, e unha vez estea asinado a empresa terá un prazo de 55 días para entregar os coches.

O alcalde amosou a súa satisfacción por desbloquear este expediente, que levaba pendente desde o ano 2013. Martiño Noriega lembrou a urxencia de renovar o parque móbil da Policía Local, que na actualidade dispón de 25 vehículos dos que oito están matriculados en 1998 e achéganse aos 400.000 quilómetros de uso. Os vehículos máis novos son de 2010.

Pórroga do contrato de xestión da ORA e do guindastre
Por outra parte, a Xunta de Goberno acorodou a prórroga do contrato con Setex Aparquisa para a xestión da ORA e do guindastre. A prórroga será por un prazo de seis meses, ata o 30 de xaneiro, ou por un prazo inferior no caso de que se resolva a nova xestión do servizo.

O alcalde asegurou que "a decisión política está tomada, e é municipalizar a ORA e o guindastre", e lamentou que o procedemento sexa máis longo do que sería desexable. Martiño Noriega lembrou que a Xunta de Goberno xa lle fixo a Tussa a encomenda de pronunciarse sobre a viabilidade de asumir os servizos, e "a empresa municipal está realizando os estudos pertinentes". Segundo explicou, "xa está desbloqueado o tema da subrogacion do persoal e demostrada a rendibilidade económica, pero quedan por aclarar algúns aspectos como quen é o propietario dos parquímetros".

O alcalde adiantou que a primeiros de setembro convocarase o Consello de Administración de Tussa, para que informe da viabilidade de asumir a xestión da ORA e o guindastre. A decisión última terá que ser aprobada no pleno da Corporación.

Documentos relacionados



Compartir: