FESTAS

O público aclamou a Real Filharmonía de Galicia no seu concerto da Quintana

28/07/2016 A Real Filharmonía de Galicia e a Banda Municipal de Música foron as protagonistas, este xoves, da programación das festas do Apóstolo. Despois de que a Banda tocara no Toural, a orquestra, dirixida polo mestre titular, Paul Daniel, subiu ao escenario da praza da Quintana para celebrar un concerto que recibiu a aclamación do público.

O concerto da RFG comezou cun fragmento de Eugene Onegin, de Chaikovski (1840-1893), unha ópera baseada na novela homónima en verso de Aleksandr Pushkin. Desta obra, o público tivo a oportunidade de escoitar a afamada Polonesa, unha danza popular polaca que axiña se introduciu nos círculos máis luxosos da sociedade europea e se converteu nun elemento básico de óperas, ballets e pezas sinfónicas.

De seguido, a orquestra tocou parte de Le roi malgré lui, do compositor francés Emmanuel Chabrier (1841-1894), unha ópera cómica, da que os músicos achegaron en particular a Festa polaca.

A cita concluíu coa Sinfonía nº 4 de Chaikovski, unha das sinfonías máis populares e admiradas de todo o repertorio universal. O seu impacto e o seu poder evocativo sobre o público é inmediato. Rematado o programa inicial, a RFG aínda interpretou dúas composicións máis: o Trépak de O crebanoces, tamén de Chaikovski, e o Intermedio de La Boda de Luis Alfonso, de G. Giménez.

A Banda, con Tequexetéldere
Antes deste concerto, o público encheu a praza do Toural para asistir a unha nova actuación da Banda Municipal, dirixida por Casiano Mouriño. Desta vez, estivo acompañada por Tequexetéldere, un grupo de baile e música tradicional que ten a súa orixe no concello da Estrada e que ten xa 25 anos de historia. Tequexetéldere recreou nas Praterías, e coa Banda compostelá, o espectáculo que estreou hai uns meses para celebrar este cuarto de século.

Compartir: