ECONOMÍA

Nace o Premio Emprende Santiago

15/05/2013 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raoxi o novo Premio Emprende Santiago, organizado polo Concello de Santiago e AJE Santiago. A concelleira estivo acompañada por Oscar Valcuende, presidente AJE Santiago; Carmen José López, directora do Comité AJE Santiago, e Juan José Gómez, representante de DCM Asesores, un dos patrocinadores.

O Concello de Santiago de Compostela e AJE Santiago organizan o Premio Emprende Santiago para recompensar o espírito de loita que move os mozos a superar todos os obstáculos e a utilizar a súa imaxinación, os seus recursos e a súa enerxía en crear unha empresa da que toda a sociedade se beneficie. Estes premios queren servir, ademais, para reclamar en voz alta o apoio de todos ao colectivo de emprendedores e novos empresarios como protagonista do presente e do futuro de Galicia.

O premio diríxese a empresarios menores de 41 anos que constituíran unha empresa en calquera das súas formas xurídicas (autónomos, sociedades civiles, sociedades limitadas,etc.) e que esta teña sede social en Santiago, independentemente da súa actividade principal e do seu sector empresarial. No caso de sociedades, a participación dos novos empresarios debe ser polo menos un 25% do capital social da entidade.

O gañador da categoría Premio Xove Empresario Santiago recibirá un premio valorado en 6.000 euros en Programas de Formación de Alto Rendemento Empresarial para a mellora da xestión empresarial no Instituto de Formación Financiera y Empresarial – IFFE e un programa de crecemento e consolidación empresarial que se desenvolverá durante un período de tres meses a través de DCM Asesores.

O gañador da categoría Premio AJE Junior Santiago recibirá un premio valorado en 3.000 euros en Programas de Formación de Alto Rendemento Empresarial no Instituto de Formación Financeira e Empresarial – IFFE e un programa de crecemento e consolidación empresarial que se desenvolverá durante un período de tres meses a través de DCM Asesores.

O xurado que determinará a concesión dos premios estará integrado por representantes do Concello de Santiago de Compostela, da Asociación de Jóvenes Empresarios e das institucións públicas e privadas más representativas do mundo económico, empresarial e social da Comunidade Galega, entre outras. Os criterios de valoración serán: creación de emprego estable, volume do investimento realizado, carácter innovador e diversificado do proxecto, grao de proxección nacional e internacional, boas prácticas na xestión empresarial, grao de implicación no asociacionismo empresarial e respecto polo medio ambiente

As candidaturas poderán presentarse ata o 13 de xuño. O 18 terá lugar a presentación pública de todas as candidaturas. Os premios entregaranse o día 27 de xuño no Cersia.

Máis información: 981 915 635 e ajemarineda@ajemarineda.com

Compartir: