OBRAS E BRIGADA

O Concello investiu 72.000 euros na eliminación de máis de 1.000 fochancas

10/05/2013 O concelleiro responsable da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, acompañado do concelleiro Luis Meijide, encargado do seguimento do rural, deu conta do balance dos traballos de eliminación de fochancas nos vieiros da cidade. En total, as Brigada eliminou 1.150 fochancas, que supuxeron un gasto de 72.000 euros. Ademais, recibíronse 950 chamadas nas liñas postas a disposición dos veciños para atender as súas demandas nesta materia.

Rematados os traballos nos barrios da cidade e tamén nalgunha zona periférica que requiría unha actuación urxente como Villestro, a Brigada de Vías e Obras continúa cos labores de eliminación de fochancas no rural. Ademais, Juan de la Fuente anunciou que se está a tramitar un proxecto para rematar con estas tarefas de reparación dos pavimentos nas parroquias antes de que comece a temporada de festas nas mesmas.

Tamén en relación ao rural, lembrou que en breve se adxudicará o contrato para a limpeza das cunetas de 100 quilómetros de pistas.

Roubo de cobre
En relación ao roubo de cobre, Juan de la Fuente lembrou que o Concello xa tivo que repoñer cable por importe de 180.000 euros. Na actualidade hai unhas 30 zonas da cidade que permanecen sen alumeado público por mor destas subtraccións e valorou a reposición pendente nuns 100.000 euros. Indicou que se segue a negociar coa empresa adxudicataria do mantemento do alumeado público con fin de solucionar esta cuestión nos vindeiros días.

Ademais, o edil anunciou que no próximo prego de condicións do mantemento do alumeado se incluirá unha cláusula segundo a cal será a adxudicataria a que se teña que facer cargo da reposición do cable roubado. No actual contrato, dixo, non existen ningunha cláusula que recolla este tipo de continxencia.

Documentos relacionados



Compartir: