ALCALDÍA

Entregados os premios dos concursos do programa "Vive a Paixón"

11/04/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu no salón vermello de Raxoi a entrega de premios dos concursos do programa Vive a Paixón, impulsado pola Confraría de Estudantes en colaboración co Concello e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas iniciativas de vídeo, fotografía e relato curto tiñan o obxectivo de promover o uso do galego e das novas tecnoloxías no ámbito da celebración da Semana Santa.

No concurso A Paixón de Pedra, o primeiro premio foi para José Alberto Pedrido Guldrís, por unha foto titulada A Paixón da choiva. En segundo lugar quedou a foto PESdras, de Daniel Viaño Castro. Este concurso convidaba os participantes a subir a súa foto da Semana Santa á rede, acompañada dunha descrición sobre o momento capturado. Debían facelo en galego.

Paixón curta tivo como gañador a Jacobo Otero Moreira, por unha videomontaxe titulada Paixón por Compostela. O segundo premio quedou deserto. Nesta categoría, pretendíase que os participantes gravaran unha curtametraxe, con argumento textual e sinopse en galego, da Semana Santa de Santiago co seu móbil.

Finalmente, o concurso Relata a Paixón gañouno Gustavo Castro Nogueira, por un post en Facebook. O xurado premiou en segundo lugar a Paco Otero Pérez, por outro post en Facebook. Este certame animaba a realizar un artigo ou post en lingua galega, valorizando a Semana Santa de Santiago, e a subilo á rede (blog, Facebook, Twitter, Tuenti).

Os primeiros clasificados en cada concurso recibiron un premio de 200 euros, ademais dun diploma acreditativo. Para os segundos, o galardón económico foi de 100 euros.

Balance
A web www.viveapaixon.com tivo un total de 12.500 solicitudes de visita durante a Semana Santa, mentres que a páxina www.semanasantaensantiago.com recibiu outras 10.350 visitas neste período.

No que ao seguimento das redes sociais se refire, o Twitter da Semana Santa de Santiago en galego rexistrou 209 tweets e a él subíronse 178 fotos comentadas en galego. O Facebook da celebración tivo 400 seguidores e a el subíronse 120 fotografías con recensións de identificación en lingua galega.

Compartir: