URBANISMO

O Concello apuntalará o talude da rúa de Betanzos e construirá o muro proxectado

21/01/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou o acontecido na mañá do sábado 19 co desprendemento dun talude e o enterramento dun vehículo estacionado na rúa de Betanzos. O Concello vai acometer o apuntalamento do noiro, para logo construír tamén o muro inicialmente contemplado no proxecto do edificio.

María Pardo explicou que o noiro cedeu polo efecto das choivas, que provocaron o derrubamento das pedra e o corremento de terras. A edil desprazouse ao lugar dos feitos cun técnico municipal para avaliar os danos, realizando posteriormente a Brigada de Vías e Obras unha actuación de emerxencia consistente na construción dunha gabia para facer que a escorrentía da auga vaia en dirección contraria ao talude.

Na actualidade, indicou, segue existindo risco de corrementos de terra e, en opinión dos técnicos municipais, resulta perigoso retirar neste momento as pedras derrubadas, que actúan a modo de suxeición. Será preciso limpar primeiro a superficie e introducir a maquinaria necesaria para apuntalar o terreo.

Neste sentido, a concelleira lembrou que xa estaba previsto actuar sobre este noiro antes do incidente, pero que se estaba á espera da chegada da maquinaria necesaria, que procede de fóra de Galicia. Unha vez se dispoña da maquinaria, efectuarase a obra, apuntalando primeiro o terreo e construíndo logo un muro de formigón. Esta decisión foille comunicada por María Pardo aos veciños.

A edil botou a vista atrás para indicar que, en 2009, un decreto municipal obrigaba aos veciños a realizar esta obra, pero que unha sentencia do contencioso-administrativo de 2012 ditara que este muro de contención lle correspondía construílo ao Concello, por tratarse dunha parcela municipal. De aí o mencionado proxecto encargado por Urbanismo a finais de decembro.

Recordou igualmente que, cando se outorgara a licenza de primeira ocupación en 2004, o técnico municipal non considerara necesario o muro. Finalmente, lamentou que tampouco se actuara sobre a orixe do problema cando xa houbera problemas en 2009 e anunciou que "haberá que indemnizar á persoa que tiña o seu vehículo estacionado".

Compartir: