GRÚA E ORA

O novo servizo de grúa optimiza recursos e ofrece máis facilidades de pago e de retirada do vehículo ao condutor sancionado

09/07/2012 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá, Tráfico, Grúa e ORA, Albino Vázquez, presentou o novo servizo da grúa nunha rolda de prensa celebrada na nova parcela do depósito de vehículos, no polígono da Costa Vella. O servizo permitirá optimizar recursos, achegará unha maior seguridade xurídica e dará ao usuario máis facilidades para retirar os seu vehículo.

O novo depósito de vehículos está situado nunha parcela en Costa Vella de 3.000 metros cadrados, dedicada en exclusiva ao depósito e ao mantemento dos vehículos da grúa. Para os usuarios que deban ir recoller o seu vehículo -explicou o concelleiro- o novo emprazamento do depósito é "máis cómodo", xa que "a uns 100 metros hai unha parada da liña 1, con servizo cada 20 minutos". A instalación pode dar cabida a uns 200 vehículos.

Respecto ás cinco novas grúas, unha máis que ata agora, teñen a particularidade de incorporar o sistema de foto-grúa. Deste xeito, "cando o operario atope un coche mal aparcado, fará fotografías do vehículo, enviaraas a un policía local e será este o que autorice, se procede, a retirada do mesmo", indicou Albino Vázquez. Isto permitirá "optimizar recursos", xa que, ao contrario que agora, que un axente ía en cada vehículo, un mesmo policía local poderá atender as cinco grúas. Estas fotografías tamén outorgarán maior seguridade xurídica na denuncia.

As grúas tamén levarán incorporados terminais para facilitar ao condutor o pago con tarxeta da multa se opta por esta opción. A outra particularidade deriva do sistema de propulsión a gas dos vehículos. Neste sentido, recordou que tamén o vehículo de control de estacionamento vai a gas e que os outros dous vehículos de control para os operarios son eléctricos.

As novas grúas comezarán as súas funcións a partir da xornada do martes. A súa principal función, recalcou, é que "o tráfico funcione mellor na cidade". Neste sentido, apuntou como dúas prioridades combater a dobre fila e incidir sobre aquelas rúas nas que se entorpece a circulación do autobús urbano.

Lembrou finalmente que, na actualidade, se retira unha media de 15 vehículos ao día, e que se está a estudar a posibilidade conveniar o servizo co Concello de Ames.

Parquímetros e residentes
O contrato da grúa vai incluído noutro máis amplo no que figura a ORA e tamén o control das áreas de estacionamento para residentes. Sobre os novos parquímetros, indicou que en setembro estarán instalados os 105 previstos inicialmente e que substituirán aos actuais.

Non obstante, adquiríronse 120 máquinas, pois contémplase a posibilidade de incorporar algunha outra zona azul. "Estamos estudando poñer zona azul na avenida de Ferrol ou en parte dela, e tamén se esta é unha opción para parte de Santa Marta, se ben aquí os veciños o que nos solicitan é zonas verdes". O Concello avaliará neste barrio as necesidades de prazas de zona verde en función do número de veciños.

A propósito das zonas verdes xa existentes e da entrega das novas tarxetas, lembrou que xa comezou a fase destinada aos veciños de Pontepedriña. Tamén en relación a estas áreas, indicou que as probas realizadas cos novos vehículos de control permitiron detectar que en torno a un 30% dos aparcados non están habilitados para facelo.

O concelleiro anunciou que se está estudando a posta en marcha dunha campaña informativa dirixida a estes infractores antes de comezar a sancionar. Albino Vázquez afirma que coa regulación do estacionamento de residentes "haberá moitos usuarios que deberán deixar os seus vehículos nos aparcadoiros de borde", o que cre que redundará no mellor funcionamento dos estacionamentos de Salgueiriños, Santa Marta e San Lázaro.

Novas glorietas
Preguntado pola marcha das obras nas glorietas do entorno do novo Centro Comercial As Cancelas, indicou que "avanzan segundo o previsto", co obxectivo de que estean rematadas en setembro. Primeiro estase a acometer a glorieta de Rodríguez de Viguri, deixando para logo a de Xoán Paulo II.

Indicou que o único corte significativo de tráfico durante as obras é o que se está a producir agora e durante un prazo de tres semanas, ao non permitir o xiro de volta á avenida Rodríguez de Viguri. Logo, os únicos cortes serán puntuais.

Compartir: