EDUCACIÓN

A Campaña de Animación á Lectura uniuse á celebración das Letras Galegas

16/05/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez Iglesias participou na Galería Sargadelos nas diferentes actividade e obradoiros previstos para a xornada na XII Campaña de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación e a editorial Kalandraka. Con motivo da celebración das Letras Galegas, reforzáronse as actividades para dar acollida a un maior número de asistentes.

Nesta xornada celebráronse obradoiros ilustración con Pablo Otero "Peixe", visitas didácticas á exposición e sesións de contacontos. Participaron o CEIP López Ferreiro; as escola infantís da Igrexa, dos Ánxeles e Casa do Neno; o CEIP Xacinto Amigo Lera; o Colexio Vilas Alborada e o CEIP Barouta.

A concelleira fixo un balance positivo do que vai de Campaña e animou as familias a seguir participando nas diferentes actividades. Pola súa parte, o coordinador de actividades de Kalandraka, Xosé Pérez, indicou que "é un luxo poder manter unha relación tan lonxeva co Concello" nunha iniciativa educativa como esta.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura, que leva por título Unha viaxe de ida e volta, conta cunha das súas referencias temáticas no traballo A viaxe de Olaf, de Martín León Barreto, que resultou gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Nesta iniciativa, que se desenvolve ao longo dos meses de abril e maio, xa teñen participado ata agora máis de 4.000 escolares de centros de ensino de Santiago e comarca.

Compartir: