DEPORTES

Compostela acollerá o xoves 17 unha nova edición da Carreira Ciclista da Ascensión

15/05/2012 A praza do Obradoiro acolleu a presentación da Carreira Ciclista da Ascensión, que se celebrará o xoves 17, con saída ás 15:00 horas na avenida de Juan Carlos I e chegada á mesma rúa. Esta proba, convertida xa nun clásico do calendario ciclista, contará coa presenza de equipos galegos, asturianos, leoneses e portugueses.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, valorou a "cada vez maior relevancia" desta Carreira Ciclista da Ascensión. Boa parte dese éxito atribuíullo ao Club Ciclista Compostelano e ao seu presidente, Nemesio López, ao que agradeceu "a súa contribución ao deporte de Santiago dende hai moitos anos".

O responsable do club foi o encargado de explicar as características dunha etapa que cualificou como "fácil", coa intención de que o pelotón chegue agrupado á meta en Juan Carlos I. Estimou a hora de chegada dos corredores entre as 17:30 e as 18:00 horas.

Encargouse de conducir este acto de presentación da carreira o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, quen tamén cedeu a palabra aos alcaldes de Ames, Santiago Amor, e de Padrón, Antonio Fernández, que destacaron os vínculos entre estes dous municipios e Santiago. Nestes haberá dúas metas voantes.

Percorrido e cortes de tráfico
O percorrido, de 125 quilómetros, será o seguinte: Santiago, Castiñeiro, Cacheiras, A Ramallosa, Pontevea, Souto de Vea, Alto de Anllada, Cuntis, San Andrés de Ces, Caldas de Reis, Vilagarcía, Carril, Catoira, Pontecesures, Padrón, Pazos, Picaraña, Os Ánxeles, Bertamiráns, Roxos, Vidán, Santiago.

En Santiago, o percorrido será o seguinte: Rosalía de Castro, Romero Donallo, Amor Ruibal, Restollal, rotonda do Castineiriño e estrada da Estrada. Regresarán sobre pola estrada de Noia, Vidán, Mestre Mateo, Camiño Novo, Rosalía de Castro e Xoán Carlos I, onde estará situada a meta.

Por este motivo, a avenida Xoán Carlos I estará cortada ao tráfico entre as 13:30 e as 19:30 horas do xoves 17, e non se poderá estacionar nin na devandita avenida nin na rúa Carreira do Conde durante todo o día. Habilitarase como vial alternativo a rúa Montero Ríos, en dirección praza de Galicia dende Rosalía de Castro, e o Pombal en dirección saída da cidade. No resto das rúas polas que transcorre a carreira produciranse cortes puntuais.

Adrián Varela enmarcou esta proba na aposta do seu departamento polo ciclismo nas súas diferentes vertentes. Así, o domingo 13 celebrábase o Día da Bicicleta e o sábado 19 terá lugar un descenso en BTT polo Casco Histórico.

Compartir: