MEDIO AMBIENTE

Compostaxe comunitaria nas hortas de Belvís

14/05/2012 Vénse de por en marcha a experiencia da compostaxe comunitaria nas hortas de Belvís. Como punto de partida, celebrouse unha charla, impartida por unha educadora ambiental de ADEGA, na que participou a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao.

Tras a explicación técnica procedeuse ao acondicionamento da zona, á instalación do composteiro e aos primeiros pasos para un bo funcionamento do composteiro. O composteiro é o complemento ideal para o bo funcionamento nunha horta. Así temos un espazo para botar todos os residuos orgánicos xerados e convertelos en compost mediante a sinxela e tradicional técnica da compostaxe. Ademais, o compost podemos utilizalo como abono para a práctica da agricultura. Deste xeito pechamos o ciclo do material orgánico nas hortas de Belvís.

A particularidade destas hortas é que son urbanas, polo que os usuarios e usuarias das hortas cuxas vivendas son pisos tamén poderán compostar os residuos orgánicos xerados na casa, aumentando a taxa de reciclaxe e sendo mais autosuficientes na xestión dos residuos.

Cómpre lembrar que o pasado 24 de abril se celebrara o sorteo das 31 hortas de Belvís dispoñibles tras ter rematado o anterior prazo de concesión. Ademais, o Concello pretende poñer en marcha en breve 50 novas hortas en Fontiñas, en concreto no polígono 4 de Fontiñas, nunha parcela de 2.000 metros cadrados situada entre os Concheiros e a rúa Londres destinada a zona verde. Os 1.500 metros útiles serán acondicionados para estas hortas urbanas, sen ningún custo para o Concello, xa que irían a cargo da urbanización do devandito polígono residencial.

As concesións de uso destas hortas outorgaranse segundo a ordenanza existente, coas preferencias para xubilados e veciños do entorno.

Compartir: