FAMILIA

As familias compostelás viviron unha xornada lúdica e formativa en Sar

12/05/2012 Con motivo da celebración do Día Internacional da Familia o 15 de maio, o Concello de Santiago preparou unha xornada repleta de actividades en recoñecemento a esta institución. No Multiusos Fontes do Sar houbo teatro, obradoiros, mesas informativas, unhas xornadas de acollemento familiar e un espazo onde facerse fotos cos xogadores do Blusens Monbus e do Lobelle de Santiago.

A concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, participaron nesta xornada de actividades, que incluíu diversos obradoiros para nenos e nenas de globoflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, manualidades, lingua de signos etc. Tamén se celebraron as II Xornadas de Acollemento Familiar en Galicia: Crecendo xuntos en acollemento, promovidas por Familias Acolledoras de Galicia.

Os que se achegaron ata Sar tamén puideron atopar as mesas informativas dispostas por diversas asociacións e entidades de iniciativa social, que divulgaron o importante labor que realizan. Outra actividade destacada foi o teatro, con representacións das obras Rosalía, a pulga que escribía e La abeja Maya.

A programa desta xornada completouse cun espazo onde as familias puideron facerse unha foto cos xogadores profesionais do Blusens Monbus e do Autos Lobelle.

Compartir: