DEPORTES

"SAN", a nova marca do deporte santiagués

07/05/2012 "O deporte é SAN, Santiago é SAN" é o lema no que se asenta a nova imaxe do Departamento Municipal de Deportes, que nace para integrar a todo o deporte da cidade, baixo unha xestión, promoción e coordinación única.

A Concellería de Deportes presentou a súa nova marca, que dinamiza e moderniza o Departamento. Nun acto celebrado na Casa das Asociacións de Cornes e presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás, púxose en valor a integración coa que se está levando a cabo a xestión e coordinación de todo o deporte da cidade, dende os equipos de elite que militan nas máximas categorías ata as agrupacións máis modestas que practican diferentes modalidades deportivas en Santiago.

Baixo o lema "O deporte é SAN, Santiago é SAN", a nova imaxe veu acompañada do anuncio de novas actuacións e medidas en materia deportiva. O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, fixo un repaso das principais accións que se levarán a cabo proximamente grazas a unha rigorosa política de investimento que permitirá a remodelación do estadio de San Lázaro, a construción do novo complexo deportivo de Santa Marta e o incremento das subvencións ao tecido asociativo da cidade. Así mesmo, quixo recordar que a consolidación dos servizos prestados aos cidadás son unha máxima constante que se traduce día a día na mellora e accesibilidade aos recintos deportivos, en plans de formación do deporte de base, no apoio ao sector empresarial privado e na creación e posta en marcha de novas iniciativas como o circuíto de carreiras saudables da cidade "Corre San" que verá a luz proximamente.

A posta en marcha dunha nova páxina web completará a renovación da imaxe do deporte en Santiago. Será unha plataforma online na que os cidadáns poderán consultar toda a información relacionada coas distintas actividades, instalacións e equipos da cidade

O acto de presentación tivo lugar na Casa das Asociacións de Cornes e contou con numerosos representantes institucionais e do panorama deportivo da cidade.

Compartir: