INFRAESTRUTURAS

María Castelao reunirase con técnicos do IGVS para tratar as deficiencias na execución da urbanización do SUNP-13 do Combarro

04/05/2012 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, reunirase a vindeira semana con técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para falar sobre as deficiencias na execución das obras de urbanización do SUNP-13 do Combarro, no Castiñeiriño.

Despois de varias visitas a zona acompañada de veciños e tamén dos propios técnicos municipais, detectáronse diversas deficiencias, especialmente no pavimento, que quedaron recollidas nun informe elaborado polos técnicos municipais. Esta xuntanza enmárcase no ámbito de colaboración permanente que o Concello -neste caso a Concellería de Obras e Infraestruturas- vén mantendo coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

As deficiencias no pavimento afectan fundamentalmente á confluencia da rúa Catarrá coa nova urbanización, pero dentro desta. En canto a outras anomalías detectadas, afectan a cuestións como o mobiliario urbano, a sinalización, as tapas de pozos e arquetas ou as zonas verdes.

Compartir: