ALCALDÍA

Iniciados os contactos para conectar o autobús a Lavacolla coa estación do tren a través dunha nova parada metropolitana

04/05/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaron un convenio de colaboración entre ambas administracións para o fomento do transporte limpo no eido urbano. Esta sinatura tivo lugar tras a reunión mantida entre o conselleiro e o rexedor municipal, que continúa coa súa rolda de contactos institucionais.

O conselleiro aproveitou o acto para informar de que a Consellería de Medio Ambiente e o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) xa iniciaron os contactos para conectar o autobús a Lavacolla coa estación de tren de Santiago, co obxectivo de lograr a máis completa intermodalidade entre diferentes modelos de transporte (avión, tren e autobús). Para iso será necesario instalar no recinto da estación de tren unha parada de transporte metropolitano, que permitirá aos autobuses recoller os viaxeiros que chegan en tren con destino a Lavacolla.

Hernández e Currás, que mantiveron unha reunión antes da sinatura do convenio, tamén acordaron que a liña ao aeroporto se achegue ao Casco Histórico de Santiago a través dunha parada no entorno da praza de Galicia.

Tres novos autobuses
O convenio céntrase na adquisición de tres novos vehículos que renoven a flota actual de autobuses urbanos de Santiago. Así, a Xunta investirá 600.000 euros procedentes de fondos comunitarios (FEDER), xa que esta actuación está comprendida dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

Esta colaboración permitirá substituír autobuses de máis de 12 anos por outros máis respectuosos co medio ambiente. En consecuencia, reducirase un 30% a emisión de gases de CO (monóxido de carbono), un 60% menos as de óxidos de nitróxeno (NOx) e ata un 80% menos de emisións de partículas á atmosfera. O centro urbano de Santiago é unha zona cunha grande intensidade de tráfico, moi próxima ao centro monumental da cidade, polo que esta adquisición contribuirá á dinamización do territorio nun contorno limpo.

Cómpre lembrar que en marzo de 2001 a Comisión Europea lanzou o programa Aire puro para Europa (CAFE, Clean Air for Europe). Como resultado deste programa adoptouse unha estratexia sobre a contaminación atmosférica, plasmada nunha comunicación do 21 de setembro de 2005. Unha das conclusión da dita estratexia é que segue a ser necesario reducir as emisións no sector do transporte para poder acadar os obxectivos da Unión Europea en materia de calidade do aire. Neste contexto de redución das emisións dos vehículos, os estándares europeos Euro V e Euro VI (Regulamento CE595/2009) son medidas encamiñadas a reducir as emisións de partículas sólidas e de precursores do ozono, como son os óxidos de nitróxeno e os hidrocarburos.

Incremento de usuarios no transporte metropolitano
Na reunión, alcalde e conselleiro tamén analizaron as cifras do transporte metropolitano de Santiago, que dende a súa posta en marcha en xaneiro de 2011 ata marzo deste ano experimentou un crecemento dun 60%. O número de usuarios dos autobuses metropolitanos no primeiro mes de 2011 foi de 92.761; mentres que no mes de marzo utilizárono 148.455 persoas.

Á vista destes incrementos pódese concluír que o transporte metropolitano de Santiago é un servizo en auxe continuo e en vías de consolidación. A Consellería agarda que esta tendencia se incremente aínda mais coa implantación da política social no transporte metropolitano, un dos últimos acordos acadados entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e os concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano de Santiago. Grazas a este iniciativa, os usuarios beneficiarios poderán acollerse a unha bonificación, con carácter xeral, dun 50% do prezo da viaxe de 0-1 saltos.

A aplicación da desta política social supón para os colectivos beneficiados un aforro considerable no emprego do transporte público, xa que o custo de cada viaxe de 0,78 euros (nas viaxes de 0-1 saltos na área) será de 0,39 euros para os beneficiarios desta medida.

Compartir: