NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

"Galego de cine": obradoiro de cinema para nenos e nenas de 6 a 12 anos

04/05/2012 O domingo 6 de maio, de 17:00 a 20:00 horas, celebrarase na praza do Toural Galego de cine, un obradoiro de cinema e proxeccións para nenos e nenas de 6 a 12 anos. Esta actividade, incluída no calendario de accións deseñado pola Concellería de Normalización Lingüística para celebra o Día das Letras Galegas, forma parte do programa FalaRedes, realizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística de para as entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.

Galego de cine é un obradoiro que fará un achegamento á linguaxe audiovisual a través de filmes en galego. Así, os pequenos adentraranse nunha caravana converténdose en espectadores das mellores curtas infantís en galego. O visionado irá acompañado de actividades de comprensión das películas e rematarase cun videomatón onde os cativos crearán a súa propia historia mediante a oralidade, seguindo o modelo do cadáver exquisito.

O revisor das palabras conducirá a actividade, que logo se colgará nas webs www.galegodecine.org e www.youtube.com/galegodecine, xunto coas historias creadas noutros concellos. Rematada a xira, escollerase a mellor das pezas a través dunha votación electrónica. Os gañadores recibirán cadanseu libro do Soldadiño de Chumbo, editado por Galaxia en 2010, e un DVD coa película. O circuíto completo da xornada é de 180 minutos, nos que poderán participar 60 nenos inscritos previamente. O videomatón farase en grupos de 20 atendendo a razóns de idade.

Máis información na páxina web de FalaRedes: www.xunta.es/linguagalega/falaredes e nas redes sociais: Twitter (@falaredes) e Facebook e Tuenti (Programa FalaRedes).

Compartir: