BENESTAR SOCIAL

Celebrado o primeiro dos obradoiros do programa "ACTÍVA-T"

03/05/2012 Quince alumnas e alumnos participaron no primeiro dos obradoiros do Programa ACTÍVA-T, organizados polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS en colaboración co Centro Juan XXIII. Este primeiro taller estivo dedicado á "Elaboración e degustación de pinchos saudables".

Os pinchos máis destacados foron as Brochetas de neve e as Caracolas salgadas. Ademais de gozar da degustación dos pinchos que previamente elaboraron, as alumnas e alumnos dedicaron especial atención durante o desenvolvemento da actividade ás normas de orde e hixiene na manipulación de alimentos.

O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS, aproveitou esta primeira xornada para dar a coñecer aos asistentes as novas propostas de talleres encadrados dentro do programa ACTÍVA-T, que terán lugar todos os mércores dos meses de maio e xuño dende as 16:30 ás 19:00 horas no Centro Juan XXIII.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: