FACENDA

O Ministerio de Facenda dá o visto bo ao Plan de Axuste do Concello

03/05/2012 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, comunicou en rolda de prensa que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas deu o visto bo ao Plan de Axuste presentado no seu día polo Concello de Santiago para afrontar o pago a provedores. Se ben o prazo destes para acollerse a este sistema de pago remata o 8 de maio, a día de hoxe, as certificacións individuais presentadas xa alcanzan os 11, 5 millóns de euros.

Cecilia Sierra lembrou que a cifra inicial contemplada para este Plan de Axuste era de 15 millóns, incluíndo as certificacións xa presentadas, por uns 13 millóns de euros, e outros 2 millóns de facturas devoltas e pendentes de aprobación. A día de hoxe, as certificacións individuais de provedores que decidiron acollerse a este sistema de pago, mediante o crédito ICO que solicitará o Concello, alcanzan os 11,5 millóns de euros. Neste sentido, a edil indicou que "a medida foi moi ben acollida polos provedores", sendo moi poucos os que non optaron por esta alternativa de pago.

Pasado o 8 de maio, data límite para acollerse a este plan de pagos, coñecerase o importe final do crédito que deberá solicitar o Concello. Así poderán delimitarse igualmente os intereses que deberá afrontar e que, no relativo ao exercicio 2012, terán que estar incluídos nos orzamentos. A concelleira recordou que este crédito ICO deberá devolverse nun prazo de 10 anos, con dous de carencia. Asumindo esta nos dous primeiros anos, calculou que haberá que destinar uns 300.000 euros en 2012 e uns 500.000 en 2013 ao pago de intereses deste crédito.

Cecilia Sierra insistiu en que a presentación deste Plan de Axuste obedeceu a unha "situación de arrastre". Así, lembrou que no intre da toma de posesión do novo Goberno local había facturas pendentes de pago por 24 millóns de euros e uns fondos líquidos de 4 millóns de euros, cantidade que "non chegaba nin para pagar dúas nóminas". Nese momento, engadiu, "o período medio de pago a grandes provedores era de 10 a 11 meses, e a pequenos de 6 a 7 meses". "Ata o 31 de decembro realizamos pagos por 24,5 millóns de euros, ou sexa, que neste tempo nos tivemos que dedicar a pagar as facturas pendentes", indicou.

Liquidación 2011
Unha vez coñecido o importe final do crédito a solicitar, avanzarase definitivamente cara a presentación do orzamento municipal para 2012. A concelleira estimou que estará listo nunhas dúas semanas.

O que tamén avanzou Cecilia Sierra foron as cifras da liquidación do orzamento de 2011, que deixou un resultado axustado positivo de 6 millóns de euros. O remanente líquido de tesourería cífrase en -1,4 millóns, cifra que supón unha mellora de 1,2 millóns de euros respecto á liquidación do exercicio 2010, o cal atribuíu ás medidas de aforro postas en marcha polo Goberno local.

Compartir: