ALCALDÍA

Concello e IGVS asinan o convenio de colaboración para o mantemento da oficina municipal de rehabilitación

24/04/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, asinaron o convenio polo que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) colabora no mantemento da oficina de rehabilitación municipal. Esta, que conta cun orzamento de 362.641 euros, recibirá da Xunta unha achega de 80.000 euros.

A oficina de rehabilitación oferta servizos de portelo único en materia de rehabilitación, informando aos veciños de todas as axudas e trámites que teñen que levar a cabo para a reparación das súas vivendas. Así, presta asesoramento e información sobre as actuacións comprendidas no Plan de Vivenda 2009-2012 e outras axudas en materia de vivenda, e encárgase da tramitación de expedientes e seguimento das obras. Igualmente, realiza visitas técnicas necesarias nas actuacións de rehabilitación con axudas autonómicas ou estatais.

O Concello de Santiago asinou este convenio xunto cos outros 37 municipios galegos que contan con áreas de rehabilitación integral (ARI). En total, existen 55 áreas deste tipo en Galicia, ás que hai que engadir a área de rehabilitación dos Camiños de Santiago, que comprende 107 concellos, e que se xestiona directamente dende o IGVS. Ademais da do Casco Histórico, Santiago ten declaradas ARI en Vista Alegre e nos grupos de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga, en Pontepedriña.

Outras axudas
Durante o acto, Agustín Hernández explicou que, nos vindeiros días, o Diario Oficial de Galicia publicará, tamén nesta materia, a orde pola que se convoca para este ano 2012 a concesión de subvencións para actuacións de rehabilitación, para familias e comunidades de propietarios ao abeiro do Programa RENOVE do Plan de Vivenda e Rehabilitación. Grazas a esta convocatoria, as familias e comunidades de veciños que teñan promovido actuacións de rehabilitación e que estean en posesión da cualificación definitiva terán acceso aos 1’4 millóns de euros cos que conta o programa para este ano.

Documentos relacionados



Compartir: