ALCALDÍA

A bandeira xitana ondeou no Concello

20/04/2012 A Asociación de Mulleres de Etnia Xitana foi recibida en Raxoi nun acto presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás. Integrantes desta entidade fixeron entrega ao Concello da bandeira da etnia xitana e dunha cesta de vimbio.

Ángel Currás recordou que, aínda con retraso, esta recepción enmarcábase na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano o 8 de abril. Foi momento para botar a vista atrás e lembrar as discriminacións que ao longo da historia sufriu esta etnia, e para falar dos avances para lograr que "poida convivir de forma harmoniosa nunha sociedade plural". Non obstante, referiuse ás dificultades que aínda sofre o colectivo, especialmente no eido laboral.

Destas dificultades falou tamén a concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, a propósito do traballo que dende o Concello se realiza para que "as mulleres xitanas accedan ao mercado laboral en condicións de igualdade". Valorou o traballo da Asociación e agradeceu o "esforzo especial" que realizan as mulleres de etnia xitana que participan nos diversos programas formativos.

No acto tamén participou unha mediadora da Fundación Secretariado Xitano, Esmeralda Giménez. Ela deu as grazas ás xeracións que, co seu esforzo, "fixeron que moitas mozas estean agora aquí". Xunto a ela estiveron outras dúas mulleres que falaron da historia da etnia xitana.

Documentos relacionados



Compartir: