CULTURA

The Bright presentan o seu pop-folk americano dentro do ciclo Íntimo&Acústico

12/04/2012 Os leoneses The Bright chegan a Compostela para dar un concerto dentro do ciclo da Concellería de Cultura Íntimo&Acústico. Será o venres 13, ás 21:00 horas, na Zona "C" de Bonaval, onde se poderá escoitar o pop folk-americano desta parella.

En palabras de Pacho Rodríguez, xornalista, "con The Bright, que van camiño do primeiro, este primeiro disco, Soundtrack for a winter´s tale (Subterfuge), chega como un gran salto que vén precedido de moitas pisadas sobre as táboas e horas de traballo no local. A voz que asombra de Miryam Gutiérrez e a presenza de Aníbal Sánchez, multiinstrumentista das cordas, que son algo así como rockeiros, herdeiros de último folk, ou, ollo, que di o Arizona Vielba (unha vez máis, ensinándonos a transgredir sen agredir as etiquetas): "Somos todos cultura pop", of course, chegaron cunha colección de cancións que pedían un tratamento de luxo, como o que teñen, nesta longa duración"

Rodríguez engade que "Soundtrack for a winter´s tale son cancións para toda a vida. Aínda que, en mans de Miryam e de Aníbal, haxa que pensar que isto é só o aperitivo dunha carreira longa, na que como solitarios pescadores pola vella buscan novos caladoiros creativos. Que chegarán. No seu momento. Porque agora toca inventar un concerto imaxinario de doce cancións para un só espectador".

As entradas para o concerto, a 8 € anticipada e 10 € o día do concerto, poden mercarse na Reixa, na billeteira do Teatro Principal e o día do concerto na Zona "C". O ciclo continúa este mes con tres artistas máis. O 18 de abril escoitaremos a canción de autor do vigués Abraham Boba na Zona "C"; o 20 de abril, no Teatro Principal, estarán Maika Makovski e Gentle Music Men. E xa os días 23 e 24, de novo na Zona "C", poderemos asistir á presentación do novo disco de Mónica de Nut Trío.

Compartir: