CULTURA

Seis novos concertos no ciclo Sons 2012

30/03/2012 Logo de The Gift, The Idan Raichel Project e Leilía, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron os seis novos concertos cos que finalmente queda conformado o ciclo Sons 2012. Así, a galega Orquesta Voland; o post-rock de Tortoise, chegados dende Chicago; e o folk-fusion de Eliseo Parra, estarán en abril e maio. En xuño chegarán as Noites de Fado con Mafalda Arnauth e Ana Lains, e o peche do ciclo co pop-folk celta da irlandesa Sharon Corr. O concelleiro lembrou que neste ciclo estaba previsto o concerto de Pablo Milanés que se tivo que suspender por enfermidade do artista e afirmou que se está traballando para que tan pronto se recupere estea en Compostela.

Orquesta Voland estarán no Teatro Principal o 29 de abril presentando Oito pezas europeas. O proxecto está concibido como un cruzamento artístico entre música e literatura. A parte musical, orixinal de Roberto Somoza, comprende unha viaxe a través de varios países europeos, tendo como punto de partida as súas raíces folclóricas, e a obra literaria que acompaña á gravación, de Quinito López Mourelle tamén é, en orixe, unha amálgama entre a novela e o conto. Tortoise fai o seu debut en Galicia dentro de Sons o 12 de maio no Auditorio de Galicia presentando Beacons of Ancestorship, o seu sexto álbum de longa duración. Vinte anos despois da súa fundación, a firma da banda é un inimitable e singular son, un cruzamento fluído de dub, dance, jazz, techno, rock, clásica e o minimalismo, sen que ningunha parte domine o conxunto.

Eliseo Parra estará no Teatro Principal o 20 de maio nun concerto en colaboración coa Casa das Crechas, que celebra o seu 25 aniversario. Presenta Contradicción, o seu novo disco. Parra foi batería e cantante en varias bandas de rock; despois abandonou a batería para centrarse máis no canto e a percusión menor e converterse en cantante de salsa, ademais de colaborar con moitos grupos de recreación tradicional en España. Xuño trae o especial Noite de Fados, con Mafalda Arnauth o día 1 e o 9 a Ana Lains, ambas no Principal, presentándonos os seus novos discos. Arnauth presenta Fadas, que é claramente unha homenaxe ás mulleres que influenciaron os seus comezos como artista, e Lains Quatro Caminhos, o seu magnífico segundo disco. Pecha este semestre de Sons Sharon Corr, debutando en Galicia co seu pop-folk celta chegado de Irlanda. Sharon Corr, irlandesa de Dundalk, formou xunto aos seus irmáns Jim Corr, Caroline Corr e Andrea Corr o exitoso grupo internacional The Corrs.

Venda de entradas
As entradas poden mercarse en Novagaliciabanco e nas billeteiras do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 h). Os prezos son 6 € anticipada e 10 o día do concerto para Orquestra Voland; 15 anticipada e 18 o día para Tortoise; 12 anticipada (8 no anfiteatro) e 15 o día no caso de Eliseo Parra; 22 euros (18 no anfiteatro) para Arnauth e Lains (neste caso haberá un abono con desconto para quen merque para os dous concertos); e 15 anticipada, 18 no día para Sharon Corr.

Coherencia
Preguntado pola actuación de Leo Bassi en Santiago, o concelleiro de Cultura salientou que é a Universidade a que decide sobre os seus espazos e que en ningún caso o Concello vai impedir nada. "Nós o que dixemos foi que o espazo público do Teatro Principal non nos parecía oportuno", indicou o edil.

Xa en outubro de 2009, o grupo que agora ostenta o Goberno municipal pedía en Pleno que se rexeitase e incluso se suspendese a actuación do artista Sizzla, porque nas súas letras incluía comentarios homófobos tales como "voy y disparo a maricas con pistola; sodomitas y maricas muerte para ellos". A solicitude non foi aprobada polo entonces Grupo de goberno. De feito, non se permitiu debater unha moción proposta e o concerto celebrouse finalmente.

Documentos relacionados



Compartir: