PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Preto de 2.000 músicos participarán en Santiago na primeira fase da XXII Liga Galega de Bandas de Gaitas

29/03/2012 O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Noya, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Gaitas (FGBBGG), Hipólito Cabezas, presentaron a I Fase da XXII Liga Galega de Bandas de gaitas, que se desenvolverá no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia o sábado 31 de marzo. Participarán 32 bandas e preto de 2.000 músicos de toda Galicia, España e Portugal. O acceso é libre e gratuíto.

O certame comezará ás 11:30 horas coas actuacións das bandas máis noveis, as de 4º e 3º grao. Tocarán nesta xornada da mañá a Escola de Gaitas da Deputación de Pontevedra, A Merca & Cartelle (Ourense), Celturia (Valencia), Agarimo de Catabois C (A Coruña), Os Trabazos de Castro Caldelas (Ourense), Concello de Lobeira (Ourense), Lobios (Ourense), Boborás (Ourense), A Gudiña (Ourense), Xinzo de Limia B (Ourense), Concello de Bóveda (Lugo) e Xuntanza de Cataluña (Barcelona). Tras a intervención do presidente da FGBBGG procederase á lectura dos resultados das seis mellores bandas de cada un destes dous graos.

Para a xornada da tarde quedan as actuacións das bandas de 2º e 1º grao. Participarán as seguintes bandas: Vilariño de Conso (Ourense), Agarimo de Catabois (A Coruña), Centro Galego de Vilalba – Madrid (Madrid), Concello de Manzaneda (Ourense), Mato Vizoso de Vilalba (Lugo), Os Trinta de Trives (Ourense), Os Blancos (Ourense), Nivaria – Casa Galicia en Valladolid (Valladolid), Ribeseya (Asturias), São Tiago de Cardielos (Portugal), Xinzo de Limia (Ourense), Vilar de Barrio (Ourense), Nova Fronteira & Cartelle (Ourense), Xuntanza de Cataluña (Barcelona), Esgos (Ourense), Ledicia & Fornelos (Pontevedra), Candás (Asturias) e Robaleira (A Coruña). Rematados os concertos e as intervencións das autoridades coñeceranse as puntuacións das seis mellores bandas de 2º e 1º grao.

Hipólito Cabezas explicou que esta é a primeira fase da Liga. As súas puntuacións sumaranse ás da segunda fase, ao aire libre, que se celebrará na última semana de xullo nun lugar de Galicia aínda por determinar. Destacou que un certame coma este permite ás bandas "sorprender" ao público, xa que aquí, ao contrario que en desfiles, "teñen a posibilidade de utilizar todos os seus instrumentos", moitos deles novidosos. Neste sentido, apuntou que ha formacións de todo tipo, "dende tradicionais a moi actuais e modernas".

Documentos relacionados



Compartir: