CULTURA

O Teatro Principal ofrece cinco representacións de "O florido pénsil"

26/03/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou O florido pénsil, que estará no Teatro Principal esta semana. Na rolda estivo acompañado polos actores Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’ e Alfonso Agra, así como polo distribuidor da obra, Julio Perugorría. As funcións serán mércores e venres ás 21:00 h, sábado ás 18:00 e 21:00 h e domingo ás 20:00 h As entradas, a 16 euros (9 no anfiteatro) están á venta en Novagaliciabanco e na billeteira do Teatro Principal

Estreada en 1996 e despois de facer dúas temporadas completas, O florido pénsil realizou máis de 3.000 funcións nas tres versións que se fixeron: español, catalán e euskera. Estivo en carteleira en Madrid durante nove meses con cheos absolutos, e dous meses en Bos Aires. Sen dúbida foi o espectáculo máis aclamado dos últimos 20 anos da historia do teatro español, e un dos de maior afluencia de público. En Galicia, eme2 distribúe esta versión adaptada á historia do noso país e que ten no seu elenco a Xosé Manuel Olveira, ‘Pico’; Antonio Durán, ‘Morris’; Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra, dirixidos por Mireia Gabilondo e Fernando Bernués.

O florido pénsil conta substancialmente as vicisitudes dun grupo de rapaces sometidos á absurda e ilóxica brutalidade do sistema educativo que dominou a España da posguerra. Os seus protagonistas descóbrennos un fresco no que se sucederán os escenarios da acción; en primeiro lugar a escola –centro de operacións fundamental para a propaganda do ideario fascista- e, máis tarde, o resto das tribunas desde onde o réxime mandaba os seus sinais de apoio: o cinema de barrio, a radio familiar, a igrexa e a prensa, representada aquí polo aparentemente inofensivo Tebeo.

A dirección
Fernando Bernués e Mireia Gabilondo son unha parella de directores vencellados á compañía vasca Tanttaka. A súa obra é polifacética, xa que teñen dirixido en conxunto ou por separado numerosas montaxes de xéneros ben distintos. Gabilondo, para alén do teatro, destaca polas súas direccións dos espectáculos de danza da compañía Kukkai, renovadora da danza tradicional vasca.

Bernués, pola súa banda, ten dirixido numerosas compañías e actores en todo o estado. A súa relación con Galicia chega a través de Manuel Rivas, para quen realizaron unha versión da novela A man dos paíños titulada La mano del emigrante.

Compartir: