CONSORCIO

Constituída a comisión de seguimento do protocolo para a implantación do plan de xestión da Catedral de Santiago

26/03/2012 En decembro de 2011 asinábase entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago un protocolo de colaboración polo que o Consorcio apoiará financeiramente á Catedral para implantar un modelo de xestión autosostible que permita a futura autofinanciación da Catedral e axude ao mantemento continuo do conxunto partindo dos ingresos que el mesmo xere. Esta iniciativa, enmarcada no ámbito de colaboración que o Consorcio e a Catedral estableceron con motivo do 800 aniversario da Catedral de Santiago, botou a andar coa constitución da comisión de seguimento deste protocolo, integrada por representantes da Administración Pública e da Fundación Catedral.

A comisión quedou formada polo alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, o xerente do Consorcio, o director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, o secretario xeral Técnico da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, o director, o xerente e o secretario da Fundación Catedral de Santiago e o director da Oficina Técnica da Catedral de Santiago. A comisión reunirase trimestralmente.

Este plan de xestión permitirá compatibilizar o culto, principal uso da Catedral de Santiago, coa súa explotación turística e cultural, a partir da interiorización dos custos necesarios para o seu adecuado mantemento. Nel contémplase a optimización dos recursos turísticos cos que xa dispón a Catedral, así como a apertura de novos espazos e a posta en marcha de novas visitas guiadas a partir das cales a Catedral xere recursos que lle permitan autofinanciarse.

Compartir: