FESTAS

Amaia Montero, Celtas Cortos, Xoel López ou Iván Ferreiro, algúns dos nomes do programa musical das Festas da Ascensión

26/03/2012 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou un avance da programación musical das Festas da Ascensión. Varios festivais traerán a Santiago a artistas como Amaia Montero, Celtas Cortos, Xoel López ou Iván Ferreiro.

Francisco Noya indicou que, como xa se fixo en anteriores festas, todos os departamentos municipais volven a colaborar na organización, neste caso das Festas da Ascensión. Ademais, reiterou a intención de realizar sempre avances das festas das cidade, porque "programar non é improvisar", co fin de facilitar a compra de entradas e a planificación mesma polos veciños e visitantes.

Se ben non descartou algunha "sorpresa", a presentada será a programación musical principal desta Ascensión. En canto ao orzamento, aínda sen pechar, apuntou que, como sucedera co Antroido, será en torno a un 30% inferior ás festas de 2011. Tamén anunciou que se pretende que a "A" será a marca das festas de Santiago, aproveitando a coincidencia desta letra como inicial de Antroido, Ascensión e Apóstolo.

A música comezará o mércores 16 de maio cun festival denominado SonA no Multiusos de Sar. Alí estarán Xoel López, Iván Ferreiro, Novedades Carmiña, The Blows, Eladio y los Seres Queridos e Triángulo de Amor Bizarro. O prezo das entradas, á venda dende o 27 de marzo, será de 15 euros anticipada e 19 euros o día do festival.

No día da Ascensión, xoves 17 de maio, novo festival, desta vez denominado 40 Santiago Pop, en colaboración coa Cadena Ser e 40 Principais. Amaia Montero e Despistaos encabezarán un cartel que completarán algúns grupos máis aínda por confirmar. A entrada será de balde para este concerto previsto para a praza da Quintana.

Celtas Cortos serán os protagonistas do concerto que, en colaboración con Cadena 100, se celebrará tamén na Quintana o venres 18 de maio. A asistencia tamén será gratuíta.

A programación musical completarase o sábado 19 coas actuacións na Quintana de Nach e Erin, incluídas nun programa de Cultura Urbana que se presentará en breve. O prezo da entrada, tamén á venda dende o 27 de marzo, é de 4 euros anticipada e 6 euros o día do concerto.

Compartir: