XUNTA DE GOBERNO

O Valedor do Pobo destaca o labor do Concello de Santiago para erradicar o consumo de alcohol por menores

26/03/2012 A concelleira de Benestar Social e voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, expresou a súa satisfacción polo informe anual do Valedor do Pobo, no que felicita o Concello de Santiago polo labor realizado para combater o consumo de alcohol por menores. Referiuse a este informe tras dar conta dunha sesión da Xunta de Goberno na que, entre outros asuntos, se deu o visto bo ao convenio entre Xunta e Concello para sufragar os gastos derivados do Estatuto de Capitalidade.

Paula Prado deu conta do informe do Valedor do Pobo no que, en materia de erradicación do consumo de alcohol por parte de menores, se menciona, entre as cidades analizadas, no lado positivo, Santiago de Compostela. Afírmase que "se enfrontou de xeito decidido este tema, no marco da súa loita contra a inxestión de alcohol en zonas públicas.

O Valedor menciona a implementación polo Concello de Santiago de actividades lúdicas alternativas, incluídas as campañas informativas en centros de primaria e secundaria, e a aplicación das sancións legalmente establecidas, salientando os traballos en beneficio da comunidade adoptados como substitutivos das multas.

Estatuto da Capitalidade
Xa na Xunta de Goberno, aprobouse o texto do convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello para sufragar os gastos que se deriven dos servizo que ten que dar Santiago como sede da capital da autonomía e das institucións autonómicas, recollidos no Estatuto da Capitalidade. O importe que achegará a Xunta é de 2.703.000 euros, o mesmo que no exercicio anterior. Aínda non está fixada a data da sinatura deste convenio entre o Concello e a Consellería de Facenda.

Axencia Local de Colocación
O Goberno local tamén acordou tramitar a solicitude á Xunta de Galicia para por en marcha de maneira definitiva a Axencia Local de Colocación de Santiago de Compostela. A edil explicou que a Axencia reúne todos os requisitos esixidos pola normativa estatal, polo que, unha vez acreditada, poderá optar ás subvencións autonómicas e estatais destinadas a estas axencias. Lembrou Paula Prado que esta Axencia Local de Colocación quere ser unha "vía complementaria" ao Servizo Galego de Colocación" para a busca de emprego dos cidadáns de Santiago.

Postos para as festas
Outro dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno foi o prego para contratar a concesión de bens de uso público municipal na Alameda para a colocación de postos durante as festas da Ascensión e do Apóstolo 2012. O canon mínimo a satisfacer o Concello será de 119.950 euros.

A cantidade é superior á de 2011 (114.059), pero nesta ocasión, indicou Paula Prado, engádense 200 metros cadrados no paseo central da Alameda para a instalación de 20 postos, de 10 metros cadrados cada un deles. Ademais, fronte ao prazo de pago único anterior, concédense dous prazos: o 50% do canon a primeiros de maio e o outro 50% a primeiros de xullo.

Xenerais da Ulla
Finalmente e por urxencia, acordouse solicitar á Xunta de Galicia a declaración de Festa de Interese Nacional para a festa dos Xenerais da Ulla.

Compartir: