CULTURA

Daniel Higgs, nova proposta musical na Zona "C" dentro do ciclo Íntimo&Acústico

23/03/2012 Continúan as propostas de Íntimo&Acústico que , tal e como prometía, está deixando grandes citas musicais na nosa cidade. Este mes de marzo tivemos xa a Simon Finn e Palabra de Muller e o luns 26 chega a cita con Daniel Higgs. Con Simon Finn e Daniel Higgs chegan as propostas máis underground e alternativas do ciclo. A partir de abril estarán, entre outros e xa confirmados, a The Bright, Maika Makovski (con Gentle Music Men de teloneiro), Abe Rábade Trío e Sumrrá e, xa no mes de xuño, a Ariel Rot. O concerto de Daniel Higgs será na Zona "C" a partir das 20:30 horas.

Daniel Higgs é coñecido por estar á fronte de Lungfish, grupo de culto ligado á prestixiosa discográfica Dischord Records (casa de bandas como Fugazi ou Minor Threat), coa que editaron doce referencias ao longo da existencia da banda. Na súa carreira en solitario, Higgs segue imprimindo a súa inconfundible pegada persoal e colabora con selos como Thrill Jockey ou Holy Mountain. O multi-instrumentista Marc Clos acompaña a Higgs á percusión. A carreira musical de Clos abarca dende o jazz, a música clásica e a música antiga (é percusionista habitual dos conxuntos de Jordi Savall) ata o punk-rock que factura co seu grupo Vistalegre.

Beyond & Between, o disco que nos presenta Higgs, foi gravado por Santi Garcia nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Sant Feliu de Guíxols en maio de 2011. As cancións de Daniel Higgs teñen un poder evocativo realmente poderoso. É o peso da historia da civilización o que eleva a música que facía Ali Farka Toure, Paolo Conte ou a que fai o noso home en Baltimore. Unha tradición musical que non ten absolutamente nada que ver nin con Chuck Berry, nin con Lou Reed nin coas radios nin cos Top 40. E é que fai miles de anos as cancións non se gravaban, nin se facían discos con elas. Non había refráns. Non se facía diñeiro con ela, porque a música vivía dentro dos corazóns da xente e tiña un carácter excepcional (non estaba en todas partes, como agora).

A mera idea de catalogar a Daniel Higgs como un continuador da música tradicional-étnica-folclórica parece un sinsentido pero, escoitando as cancións que o cantante de Lungfish gravou xunto ao músico catalán Marc Clos, un non pode evitar en pensar en músicos rueiros que tocan ás rodas dun carro en Damasco ou debaixo dunha figueira no Cairo. Se as últimas obras en solitario de Higgs se caracterizaban polo espartano do seu son, nesta nova entrega das aventuras do frontman de Lungfish as percusións de Clos danlle un colorido ao contido que nos permitiriamos cualificar como inequivocamente mediterráneo.

Calquera que estea familiarizado minimamente co discurso creativo do de Baltimore saberá que Higgs prefire utilizar moi poucos elementos (voz e banjo na maioría dos casos) para despregar toda a súa idiosincrasia creativa. Neste esforzo colaborativo, as percusións a cargo de Marc Clos subliñan con forza este compoñente ancestral que fai que Higgs sexa un creador único, ao mesmo tempo que levan o conxunto cara a un lugar distinto do doutros discos anteriores de Higgs.

As entradas a 6 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou na propia Zona "C" o día do concerto a partir das 18:00 horas.

Compartir: