BENESTAR SOCIAL

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reuniuse en Santiago

23/03/2012 Santiago de Compostela acolleu unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. O Concello, socio da entidade, foi o anfitrión deste encontro que reúne o persoal técnico das Administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poderán implementar ao longo de 2012.

A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, presidiu esta reunión, celebrada no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Ademais de en Santiago, viñéronse desenvolvendo encontros nos concellos de Fene, Lugo, Vilagarcía de Arousa e Mos, ademais de na Deputación de Ourense. A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada unha das preto de cen Administración socias. Cada quen escolle a cal reunión acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos locais.

Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego infórmalles sobre a andaina da asociación. Faise especial fincapé nas actividades que se poñen a disposición das deputacións e concellos socios para sensibilizar a prol dun mundo máis xusto: exposicións, contacontos, programas de voluntariado internacional, concursos de fotografía, ciclos de cine, conferencias, etc. Tamén se lles pon ao día en cuestións coma os proxectos de cooperación para o desenvolvemento que coa súa colaboración se realizan en países coma Nicaragua ou Cabo Verde.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 concellos e tres deputacións de Galicia, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: