ECONOMÍA

Dez entidades empresariais colaboran no novo programa "Santiago Investors Support"

23/03/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, presentou o programa de actividades de Santiago Investors Support aos representantes das dez entidades empresariais que colaboran no mesmo. Estas dez entidades participaron na elaboración de diferentes partes do programa, en función das súas características e dos sectores aos que se dirixen. Nesta reunión tiveron oportunidade de ver todo o conxunto do programa, que se deseñou tendo en conta as suxestións de cada entidade e cunha visión global que dese coherencia interna as actividades, co obxecto de aproveitar ao máximo os recursos.

As entidades que participan no Santiago Investors Support son: Asociación de Xoves Empresarios AJE Marineda; Asociación Área Empresarial do Tambre; Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela; Cámara de Comercio de Santiago; Asociación de Autónomos de Galicia, UPTA; GDR Terras de Compostela; CCA Compostela Monumental; Fundación Santiago Centro; Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES; e Mercado de Abastos de Santiago.

Santiago Investors Support naceu no último trimestre 2011 con tres obxectivos concretos: impulso e mellora da competitividade empresarial e comercial; proxección exterior e captación de investimentos; e posta en valor e dinamización da actividade económica. Non obstante, será neste ano 2012 cando se poderá desenvolver un programa completo e ambicioso coa colaboración das entidades diferentes entidades empresarias da cidade.

Este programa supón unha transformación da política que se estaba desenvolvendo na área de Economía do Concello, posto que aglutina nun mesmo programa actividades antes illadas, dándolles ademais participación ás diferentes entidades empresariais na elaboración das mesmas. Deste xeito, pódense xerar sinerxias (xa que, por exemplo, os sectores comerciais e hostaleiros poden compartir necesidades formativas) e desenvolverse actividades máis precisas e útiles para os participantes.

Santiago Investors Support dedicará cada mes do ano 2012 a unha temática en concreto, para o que se desenvolverán diferentes actividades formativas. Os meses e temáticas son: Marzo, Preparados para competir?; Abril, Negociación; Maio, Creatividade; Xuño, Comercialización; Xullo, Investigación de mercados; Agosto, Responsabilidade social; Setembro, Estratexia e xestión do tempo; Outubro, Comunicación; Novembro, Selección e liderado; Decembro, Mercadotecnia emocional.

Compartir: