RECOLLIDA DE LIXO

O Concello pavimentará a parcela anexa ao Punto Limpo do Tambre para facilitar unha eficiente recollida do vidro

23/03/2012 O concelleiro de Barrios, Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, anunciou que se está a executar obra de pavimentación na parcela anexa ao Punto Limpo do Tambre. O obxectivo é asegurar un eficiente depósito e recollida do vidro, evitando as devolucións que se veñen producindo nos últimos anos.

Juan de la Fuente explicou que, nos últimos anos, Ecovidro (a empresa encargada da recollida e tratamento do vidro) vén rexeitando unha cantidade importante de vidro de Santiago por chegar este mesturado con terra e con outro tipo de refugallos que imposibilitan o seu correcto tratamento. Segundo o concelleiro, isto era debido a que a parcela na que se deposita este vidro era de terra e nela deixábanse todo tipo de lixo.

Estas deficiencias motivaron que, en 2011, das 1.503 toneladas de vidro recollidas, 121,5 foran devoltas por Ecovidro. En 2010 foran devoltas 66,5 toneladas das 1.480 recollidas. Para valorar o impacto económico destas devolucións, o concelleiro recordou que a empresa paga en torno aos 205 euros por cada tonelada de vidro. Santiago, lembrou, conta con máis de 200 puntos de depósito de vidro e "é a cidade galega que máis vidro recolle".

Co fin de evitar sancións e esas devolucións de vidro, co seu conseguinte prexuízo económico, o Concello investiu 99.040 euros nas obras de pavimentación desta parcela. Case a metade da superficie será dotada de formigón, mentres o resto estará pavimentada con zahorra. Ademais, vaise pechar a parcela para que só poidan acceder á mesma os camións de recollida autorizados. O edil estima que a obra estará rematada nunhas dúas semanas.

Compartir: